Opinión

Liña 024

O Ministerio de Sanidade acaba de crear a liña de axuda a persoas con conduta suicida, o número 024. Trátase dunha boa noticia cando o suicidio é a primeira causa de morte externa, e na franxa entre os 15 e os 29 anos, a primeira causa total. Xunto co plan de Saúde Mental, semella marcar un cambio de tendencia positivo, dirixido a sensibilizar e poñer o foco sobre os padecementos psíquicos, que ata o momento foron os grandes ignorados da sanidade. Tamén a saúde mental infantoxuvenil será obxecto de maior dotación, comezando por aceptar a especialidade de Psiquiatría Infantoxuvenil no sistema MIR, unha medida que levamos anos reclamando as profesionais.

Porén, o problemático deste servizo é que, a pesar de ofertarse de xeito público e de balde á cidadanía, estará xestionado por empresas privadas. Nun primeiro momento pola Cruz Vermella, que a pesar de ser unha entidade sen ánimo de lucro non deixa de ser unha organización allea ao sistema público de saúde, e posteriormente licitarase un contrato para unha empresa privada. Que significa isto? Que, da mesma maneira que aconteceu co escándalo das residencias, volvemos poñer a nosa saúde en mans privadas. Implica, tamén, que un cambio de goberno pode facer que non se renove o convenio e que se elimine o servizo en calquera momento. Quere dicir que non temos o menor control sobre quen presta esta atención nin sobre a súa formación ou cualificación. Aínda dando por feito que son óptimas, non podemos estar seguras de que no futuro continúe a ser así ou se decida diminuír o persoal ou prescindir das persoas de maior cualificación. Isto acontece continuamente con multitude de servizos externalizados e entregados a empresas privadas. Ademais, é unha ocasión perdida para crear emprego público e estable en áreas de especial dedicación.

Por desgraza, semella que a privatización progresiva dos servizos sanitarios está a converterse nun mal hábito que xa adquiren equipos de calquera signo político e que aparentemente non se cuestiona. Tanto o sistema de residencias como as ambulancias ou os centros de chamadas e de mantemento están xa na súa meirande parte en mans privadas, coas múltiples disfuncións que isto xera. A maioría delas non se coñecen salvo cando o afán de lucro produce unha traxedia humanitaria. Haberá que ver como evoluciona a situación e como se xestiona un tema tan tremendamente delicado.

Comentarios