Opinión

James Webb

Esta semana tivemos a oportunidade de ver as primeiras imaxes enviadas polo novo telescopio James Webb da NASA, espectaculares en canto a nitidez e definición. Foi especialmente ilusionante para min velas porque este mesmo ano tivemos a oportunidade de falar con Begoña Vila, científica galega implicada no proxecto, para un evento de divulgación científica. En ocasións cuestiónanse estes grandes proxectos de investigación, como os megatelescopios ou o grande colisor de hádrons, por ser experimentos que precisan instalacións multimillonarias sen que os coñecementos que deles extraemos teñan unha aplicación inmediata. O telescopio James Webb é o maior e máis custoso telescopio ata o momento, e deseñouse para poder ollar as profundidades do universo e fornecernos de datos que nos axuden a entender como foi o proceso da formación das galaxias nun pasado remoto.

Sempre que teño ocasión aproveito para defender a ciencia básica, aquela que se fai sen ningún motivo máis aló de ampliar o coñecemento humano. A investigación básica en moitas ocasións fornece novas preguntas ou novos datos que amplían a nosa visión de como funciona o universo, ou pon en cuestión o que criamos saber ata o momento. Podería dicir tamén que, con moita frecuencia, aparecen aplicacións non buscadas dos coñecementos acadados por este tipo de investigación, e neste sentido todo o relacionado coa física de partículas, altamente especulativa e teórica, é un bo exemplo. Pero, para min, o principal motivo polo que a ciencia básica é valiosa e importante non é simplemente porque, de xeito casual, poidamos atopar aplicacións das súas descubertas. Na miña opinión, o máis importante é que estes proxectos están guiados unicamente polo afán de coñecemento, pola vontade de expandir os límites do saber humano. Ademais, requiren do traballo colaborativo de centos ou miles de persoas de diferentes disciplinas, e sempre entendín que isto é o mellor da ciencia: participar dunha empresa colaborativa, non competitiva, sen afán de lucro (aínda que obviamente os condicionantes económicos están presentes) e guiada unicamente pola procura de coñecemento. A curiosidade e a colaboración como mostra do que realmente define a especie á que pertencemos. Como dixo Carl Sagan: a humanidade é o universo explicándose e observándose a si mesmos.

Comentarios