Opinión

Free Britney

Hai unhas semanas asistimos ao proceso xudicial polo que pasou a cantante Britney Spears para reverter a tutela que exerce seu pai sobre ela. Sen seguir exhaustivamente a carreira da artista, a calquera pódelle soar un pasado turbulento, unha voda que durou horas e un corte de pelo un tanto extremo. É isto suficiente para retirarlle a alguén a capacidade para decidir sobre a súa propia vida? No noso marco xurídico, a modificación da capacidade xurídica dunha persoa ten que estar motivada por algunha doenza física ou psíquica persistente que se considere que limita o seu autogoberno. Nestes casos, procédese a nomear un titor, quen será encargado de substituír nas súas decisións á persoa discapacitada. Polo menos esta era a concepción clásica da chamada incapacitación, que se foi alterando nos últimos anos para recoñecer os dereitos das persoas con discapacidade e a súa histórica discriminación. O 2 de xuño deste mesmo ano aprobouse unha reforma lexislativa con este mesmo espírito, pola cal o titor deberá ser unha figura que apoie e asista á persoa con capacidade modificada para poder acadar o exercicio pleno dos seus dereitos. Atrás queda a idea da substitución, ou de que as persoas con discapacidades ou doenzas mentais non teñen dereitos ou non poden exercelos.

Con este marco mental, o caso de Spears semella particularmente grave. Trátase dunha persoa privada da capacidade de xestionar o seu patrimonio a pesar de continuar traballando e xerando ingresos. Ademais, segundo a súa declaración, estánselle a limitar tamén dereitos moito máis básicos. A cantante declarou que se lle implantara un dispositivo de contracepción contra a súa vontade ou que non se lle permitía contraer matrimonio coa súa parella. Se isto realmente é así, estariamos a falar de vulneración de dereitos fundamentais. No noso ordenamento xurídico a modificación da capacidade debe ser algo flexible e progresivo, apoiando á persoa só naqueles aspectos concretos nos que teña dificultades para facer valer o seu criterio e as súas decisións. É dicir, alguén podería precisar apoio para unha transacción económica importante pero non para manexar cartos de xeito cotiá ou para organizar a súa vida persoal. Aínda sen coñecer a resolución deste caso concreto, coido que pode facernos reflexionar sobre os dereitos das persoas e como poden ser vulnerados ou protexidos.

Comentarios