Opinión

Información

Parece que nos vemos obrigadas a un novo período de cuasi-confinamento. Xa falei longo e tendido nesta columna das consecuencias psicosociais desta situación, así como das de tipo económico e a desigualdade crecente que parece que vai provocar. O característico deste período, e o que o fai único na historia, diferente de todas as outras crises, guerras ou pandemias, está a ser a tecnoloxía. Podemos imaxinar como sería esta mesma circunstancia hai cincuenta anos? Xa non polos avances estritamente médicos que salvan miles de vidas, senón polos relacionados coa comunicación e a información.

Noutros momentos históricos, as persoas podían estar meses sen saber nada dos seus seres queridos, sen saber sequera se continuaban con vida, coa angustia e o sufrimento que isto produce. A posibilidade de manternos interconectadas, a pesar de confinamentos e da distancia, está axudando a paliar en grande medida a preocupación e a sensación de illamento. 

Tamén o fluxo constante e ininterrompido de información estase convertendo noutra pandemia subsidiaria, facendo cada vez máis difícil deslindar a información veraz e relevante dos rumores, as medias verdades, as esaxeracións e as mentiras francas. Un exemplo é o delirante tratamento informativo arredor da vacina, relacionándoa con problemas de saúde ficticios, caída de lóstregos incluída, ou o anuncio dun novo medicamento contra o virus como se fose xa unha realidade, aínda que se atopa nunha fase moi precoz de investigación.

Cando digo que a ciencia (e a tecnoloxía) é neutra teño en mente este tipo de situacións, nas que as mesmas ferramentas poden resultar tremendamente beneficiosas ou converterse noutro problema engadido. De pouco vale apelar á responsabilidade individual sobre o uso que facemos das redes, dos dispositivos ou das canles nun escenario no que xa resulta imposible contrastar ou sequera comprender grande parte da información que atopamos. Igual que se regulan outras áreas de interese público, como o tráfico, a industria alimentar ou a auga que sae da billa, sería conveniente pensar en mecanismos de regulación públicos e transparentes sobre as enormes e ultrapoderosas empresas privadas que vehiculan os fluxos comunicativos, sexan estas grupos audiovisuais ou propietarias de redes sociais. A información e a comunicación tamén pode constituír un asunto de saúde pública.

Comentarios