Opinión

Infeccións respiratorias

Aló por abril deixou de ser obrigatorio o uso de máscara en interiores, e agora afrontamos o primeiro inverno desenmascarado tras a pandemia. As máscaras non só evitaron a expansión do coronavirus, senón de moitos outros virus respiratorios que diminuíron a súa incidencia. Este inverno, vivimos un aumento de casos de gripes, catarros e outras afeccións respiratorias que estiveron parcialmente contidas nos anos previos. Esta situación, unida á crise sen precedentes na Atención Primaria, derivou nun aumento da presión asistencial nos servizos de urxencias.

Ao contrario que con outras doenzas que teñen nome propio e mellor ou peor fama, como a gripe A ou o catarro común, outro dos hóspedes das nosas vías respiratorias moito menos coñecido é o virus respiratorio sincitial do que xa falei superficialmente noutras ocasións.

Este virus afecta principalmente ás idades pediátricas e comparte familia con outras infeccións como o sarampelo ou a parotidite. Na maior parte de casos non produce síntomas, pero pode ser perigoso para crianzas prematuras ou con condicións crónicas respiratorias. Ademais, a partir da pandemia, empezamos a ver un aumento de casos tamén en persoas adultas de idade avanzada ou con problemas respiratorios, nas cales o VRS vén agravar o cadro.

Non por descoñecido a nivel mediático concita menos atención especializada, e un equipo de investigación galego está a participar no desenvolvemento da primeira vacina contra el aprobada en adultos maiores. Trátase dun estudo internacional no que participaron máis de 25.000 voluntarios de 17 países, e que actualmente está nas últimas fases antes de que se aprobe o seu uso fóra do estudo. A vacina actúa contra a proteína F da cápside viral, impedindo que penetre na célula e que a infecte. Neste sentido, o seu mecanismo de acción é o xa empregado en moitas vacinas convencionais, que presentan ao noso sistema inmune unha parte do virus para "adestralo" e lograr que reaccione contra el.

Unha vez máis, gustaríame destacar a importancia da colaboración e non da competitividade en ciencia, con enormes estudos multicéntricos e varios equipos traballando simultaneamente para acadar estes resultados. Por outra banda, non podo evitar reflexionar como certas patoloxías parecen quedar escurecidas ou nun segundo plano a pesar de custar tantas vidas como outras das que escoitamos falar a todas horas.

Comentarios