Opinión

Horas de luz

Esta fin de semana cambiou a hora para volver ao horario de inverno, e con cada cambio reavívase a polémica sobre o fuso horario. A preocupación sobre as horas de luz e como nos afectan resulta razoable, porque ten unha grande influencia sobre a saúde. En realidade non é tanto o reloxo como as horas totais de luz e a súa intensidade o que resulta crucial para o noso organismo. Os seres humanos somos primates diúrnos, e isto quere dicir que todo o noso sistema hormonal está regulado pola luz solar. Cando a luz cae, comezamos a segregar unha substancia chamada melatonina, que induce o sono preparándonos para a menor actividade nocturna. Ao longo da noite, conforme se achega o amencer, diminúe a melatonina e progresivamente aumentan aquelas substancias relacionadas coa vixilia e a actividade, como o cortisol. Nos animais nocturnos, a melatonina segrégase en presenza de luz, mediando o sono diúrno e a actividade nocturna. 

Hai persoas con diferentes ritmos cronobiolóxicos: aquelas con secreción de cortisol máis precoz na mañá e tamén de melatonina ao anoitecer, e quen acada un nivel de melatonina máis tardiamente e esperta tamén máis tarde pola mañá. Algúns estudos postulan que este sería un trazo evolutivo que favorecería que nun grupo de individuos sempre houbese algún adulto en vixilia de xeito natural, para poder coidar dos nenos durante a noite, alertar de posibles perigos, etc. Hoxe en día, cos ritmos de vixilia e sono marcados polos horarios laborais e sociais, os individuos con ritmos máis retardados, os gardas nocturnos naturais, vense claramente prexudicados porque os seus biorritmos adáptanse peor aos requiridos pola sociedade. Ademais, a sobreabundancia de luz artificial intensa pode alterar tamén os nosos ritmos de sono-vixilia alterando a secreción de melatonina. As quendas nocturnas laborais son outro factor ben identificado que empeora a nosa saúde, dado que non só obriga a quen as realiza a permanecer esperto durante a noite, senón que favorece que se reciba menos luz natural durante o día pola necesidade de recuperar o sono en horas de luz. 

Non hai unha receita única para solucionar estes problemas. Porén, coñecelos e identificalos pode axudar a crear hábitos máis saudables e a tomar decisións organizativas que melloren a nosa saúde e a nosa relación coas horas de luz, que permanecen idénticas sen importar a hora que marque o reloxo.

Comentarios