Opinión

Hixiene

Onte atopei polos corredores do hospital unha amiga que se encargan das tarefas de limpeza. Falamos moitas veces de horarios horribles (ela tamén traballa de noite), de condicións de traballo ou de cousas das que se encargan ela e que ninguén ve, como preparar os cuartos despois de que alguén faleza. En silencio, con discreción e rapidez, facendo os traballos ocultos da morte. Evitando que os familiares teñan que ver escenas desagradables e salvagardando a dignidade das persoas nos momentos finais da vida.

Onte o tema foron os nosos respectivos cortes de pelo e como non, o coronavirus. Ela contaba que lles acaba de chegar o documento coas medidas para evitar o contaxio e que é complexísimo, non só de ler, senón sobre todo de implementar, facendo que o traballo se ralentice e se multiplique. Non se queixaba de ter que facelo así porque entendía que era necesario, pero si nos queixabamos, as dúas, de que cando se dá unha situación deste tipo a ningún responsable (os que pisan alfombras e non as que estamos nos sotos ás once da noite) se lle pasa pola cabeza reforzar persoal. Simplemente, dáse por feito que os empregados redobrarán o traballo. En parte, porque a limpeza depende dunha empresa privada, aínda que non sempre foi así, e os responsables sanitarios poden dicir que non lles compete, porque xa se encargaron hai tempo de que non lles competa. En parte tamén, porque a limpeza non se considera traballo sanitario, é algo que ninguén ve salvo cando non se fai. Parece incrible que nos refiramos ao persoal de limpeza como “non sanitario”, cando a hixiene é a primeira e máis importante medida sanitaria, seguramente o freganzo con lixivia da miña amiga será o obxecto que máis vidas salve neste hospital, e no mundo.

A palabra hixiene deriva de Higeia, a deusa grega da curación. Os gregos tiñan moi claro que a limpeza curaba ou polo menos evitaba enfermidades, Co cristianismo, esta concepción cambiou, e a hixiene do corpo comezou a considerarse contraria á hixiene da alma. Non foi ata o século XVIII cando volven cobrar importancia de novo as medidas hixiénicas, considerándose que son a medida, xunto coas vacinas, que máis vidas salvou ao longo da historia. No caso das enfermidades infecciosas, como o coronavirus, a principal medida protectora é o lavado de mans e as medidas hixiénicas. Mágoa que os nosos responsables consideren medidas vitais como de menor importancia.

Comentarios