Opinión

Furados negros (non tan) supermasivos

Sabiades que en Compostela existe un Instituto Galego de Física de Altas Enerxías?  Na facultade de Física, lévanse a cabo estudos sobre partículas subatómicas e fenómenos que nos parece que só se estudan no CERN e outros grandes organismos europeos. Non só isto, senón que este instituto forma parte do grupo de investigación que vén de detectar un burato negro de características descoñecidas até o momento, tanto pola súa masa como polo seu comportamento.

Os grandes obxectos astronómicos son fascinantes, máis aló da súa espectacularidade, porque son exemplos perfectos de como funciona a ciencia. A súa existencia foi predita hai décadas mediante construtos teóricos e cálculos matemáticos, moito antes de existir a tecnoloxía necesaria para detectalos. Só posteriormente a observación veu confirmar que as matemáticas non se equivocan. Porén, neste caso observouse algo que parece contradicir parte do que se cría até o momento sobre a formación dos buratos negros, e iso tamén é un bo exemplo de como funciona a ciencia. Non como un dogma ou un corpus fechado de coñecemento, senón como un sistema de pensamento que se vai refinando e ampliando infinitamente, para describir e explicar o mundo no que vivimos.

Nin Einstein, nin Hawking son profetas nin teñen a verdade absoluta, a pesar da súa xenialidade, e serán alegremente refutados cando a realidade non lles dea a razón. Outro aspecto interesante desta descuberta é, ao meu ver, a necesidade ineludible de colaboración na ciencia actual. Como xa comentei aquí máis veces, a idea do científico xenial e solitario case nunca foi certa no pasado, pero no presente é simplemente imposible. Os medios técnicos e humanos necesarios para a investigación fan imprescindible a participación de grandes equipos de persoas especializadas en diversas áreas do coñecemento. A ciencia superespecialízase até un punto tal que un único individuo non pode manexar toda a información acumulada nun campo tan vasto como a astrofísica.

Por outra banda, a tecnoloxía e esta especialización tamén fan posible que a investigación se descentralice e Compostela colabore, xunto con Xenebra ou Londres, na descuberta dun fenómeno astronómico que nos parece tirado dun filme de ciencia ficción.

Comentarios