Opinión

Forqué

O suicidio da actriz Verónica Forqué volve poñer en primeira liña a necesidade de educación e de divulgación sobre saúde mental. Non falarei hoxe da falta de recursos e da necesidade de máis medios porque neste caso posiblemente non houbese unha dificultade de acceso a eles, aínda que tampouco podemos ter certeza. O escandaloso desta desgraza é que se emitiron nunha televisión pública as alteracións de conduta dunha persoa cun trastorno e a reacción foi a mesma que podiamos agardar hai sesenta ou cen anos: rir dela, atacala, empregar a saúde mental de xeito pexorativo e estigmatizante e facer circo en xeral. Nada novo nun programa que xa creara polémica por facer acoso homófobo cara a un convidado, pero en calquera caso inasumible en 2021, e menos aínda nun medio público.

Ler os comentarios en redes tamén era asomarse ao abismo da ignorancia que campa sobre estes temas. Xente opinando que habería que “encerrar nun psiquiátrico” á actriz polo seu comportamento, como se un dispositivo de saúde mental fose unha especie de cárcere ou correccional, ou como se as alteracións de conduta se tratasen “encerrando a xente” ou fosen algún tipo de delito, e non un síntoma. Tamén insultos empregando os problemas de saúde mental: “tola”, “perturbada”. Imaxinades isto con calquera outra doenza? Chamarlle a alguén “diabética” ou “cardiópata” como insulto. A única comparación que atopo foi na pandemia de VIH cando “sidoso” se converteu en insulto, tamén pola relación da enfermidade con colectivos fortemente marxinalizados nese momento, como as persoas LGBTIQ+ ou as dependentes de substancias. 

Hoxe ninguén escribiría algo como “sidoso” en redes sociais, pero si escriben “tola” para atacar unha persoa con problemas de saúde mental.

A diferenza, ao meu entender, é que todo o traballo de concienciación e de desestigmatización da enfermidade que se levou a cabo co VIH non se fixo nunca coas doenzas psiquiátricas. Fóra dos circuítos profesionais, o descoñecemento é tan manifesto como hai décadas, e non parece que ningún goberno estea a poñer en marcha campañas para palialo. Se o que facemos é rirnos das persoas con trastornos mentais en prime time como se fose unha praza medieval na que tirarlles tomates, o que están a facer os medios públicos é xustamente o contrario do que deberan, tendo en conta que se financian cos nosos impostos: estigmatizar en lugar de educar.

Comentarios