Opinión

Fleming

Tal día coma hoxe, en 1881, naceu Alexander Fleming, que salvaría a vida de millóns de persoas no mundo ao descubrir o primeiro antibiótico. O tratamento de augas, as vacinas e os antibióticos foron as tres medidas máis importantes para o espectacular aumento da esperanza de vida durante o século XX, dende os 50-55 anos a principios de século ata os máis de 80 actuais nos países da nosa contorna. As tres comparten a característica de ser procedementos cun impacto a nivel poboacional e non só individual: non só curan, senón que impiden que as enfermidades infecciosas se propaguen. Unha vez dado este paso, a mortalidade pasou a ser debida, fundamentalmente, a patoloxías crónicas, sobre todo cardiovasculares, en lugar de ás temidas infeccións. O descubrimento da penicilina é unha das historias máis coñecidas da ciencia, facendo sempre especial fincapé no casual do achado e na idea do científico como un xenio solitario e independente. O certo é que Fleming traballaba como microbiólogo e estudaba as vacinas e os prometedores antibióticos, polo que a descuberta, a pesar de contar co concurso da boa fortuna, estaba directamente relacionado co seu campo de traballo. Ademais, coñecíanse xa substancias con actividade antibacteriana e bacteriostática como as sulfamidas, empregadas na Primeira Guerra Mundial. O propio Fleming descubriu tamén a acción antibiótica das lisozimas, substancias producidas de xeito natural polo noso organismo. En realidade, os descubrimentos científicos case nunca son froito dun xenio único e do traballo solitario. As máis das veces, diversas persoas e equipos traballan simultaneamente no mesmo campo, coñecen e mesmo comparten os resultados uns dos outros. A pesar de que a dinámica capitalista das grandes empresas poña o foco sobre todo na competencia, a colaboración e a información compartida xoga tamén un gran papel no avance biomédico. Sen dúbida, Fleming foi un xenio do seu tempo, pero andaba detrás dun mecanismo que moita máis xente trataba de atopar. Sen quitar mérito ao seu traballo, se non o descubrise el, sería cuestión de tempo que outro investigador o atopase, porque as ideas e os conceptos estaban xa no aire. O único necesario era que cristalizasen na placa de Petri dun laboratorio, que eventualmente foi o dun escocés traballando en Londres.

Comentarios