martes 03/08/21

Fillos sans do patriarcado

Cando temos noticia de feitos tan terribles como a desaparición e asasinato das dúas nenas secuestradas polo seu pai, pairan sempre as dúbidas sobre a saúde mental de quen comete tales feitos. Precisamos pensar que alguén capaz de tal horror ten que estar necesariamente fóra da realidade. Porén, o home que planificou a desaparición e asasinato das súas propias fillas, e moi probablemente o seu propio suicidio, era percibido como unha persoa carismática e exitosa pola súa contorna. Non así pola súa parella, que si percibía actitudes violentas e controladoras. Unha enfermidade mental, para ser tal, debe afectar a varios ámbitos da vida de quen a padece e xerar malestar e desaxustes vitais e sociais. No caso que nos ocupa, non só non era así senón que o asasino cumpría á perfección o papel que a sociedade lle asignaba.

E se cadra aí estea o problema, que non estamos a falar de persoas enfermas, senón de fillos sans do patriarcado. De homes que interiorizan un certo mandato social dentro do cal o acontecido non é senón unha consecuencia extrema. A crenza de que mulleres e nenos son obxectos dos que os varóns detentan a propiedade tivo o seu correlato incluso na ordenación xurídica dos países occidentais dende non hai tanto. A pesar dos innegables avances da loita feminista, un concepto plenamente aceptado durante milenios non desaparece da noite para a mañá.

Preguntarse pola saúde mental de persoas que cometen crimes horribles cumpre a función de allearnos do acontecido. Sitúa os feitos no terreo do incomprensible, do que nin nós nin ninguén a quen coñezamos sería quen de facer. Son cousas que fai "o outro", o diferente, o tolo. Nada máis lonxe da realidade. Este nivel de violencia é raro, pero non deixa de ser unha variante extrema dun espectro de condutas que validamos e normalizamos cada día. Ver as reaccións en redes sociais non deixa lugar a dúbidas. Moitos homes reaccionan negativamente ao sinalar a relación destes crimes co machismo, o cal indica que si validan outros aspectos desta ideoloxía que na súa forma máis extrema produce este tipo de traxedias. É importante situar os feitos no seu contexto, tanto para facer prevención eficazmente como para quitar o foco sobre as persoas con trastornos mentais, que nada teñen que ver cos desexos de control, posesión e destrución que están na base do acontecido.

comentarios