martes 24/11/20

Feliz solsticio, terraplanistas!

Este ano a pandemia impediunos celebrar o San Xoán, aínda que sempre podemos (e debemos) prender algunha candea simbólica e comer algunha sardiña para conmemorar a noite máis curta do ano e o inicio do verán. Podería pensarse que o verán comeza cando a Terra está máis preto do sol dado que, como sabemos, o noso planeta describe unha órbita elíptica. Porén, a excentricidade desta órbita é moi pequena, arredor dun 3%, unha variación que non explica as grandes diferenzas de temperatura entre o inverno e o verán. A proximidade ao sol tampouco serve para entender a inversión das estacións nos dous hemisferios: se fose por isto, sería verán simultaneamente en todo o globo cando o sol estivese máis preto, e inverno ao afastarse, e non. De que depende entón o cambio estacional? O noso planeta ten outra característica ademais da órbita excéntrica: a inclinación do seu eixo de 23,5 graos. Isto fai que, conforme o noso planeta xira en torno á súa estrela, o hemisferio norte reciba a luz solar máis directamente no punto máis afastado (afelio) e de xeito máis tanxencial conforme se achega (perihelio). Isto explica tamén por que no verán vemos o sol describir unha curva máis alta no ceo, mentres no inverno se mantén máis baixo no horizonte. Entón, como se explicaba o curso das estacións pensando que a terra era plana? En realidade, dende a Antigüidade clásica, a idea xeral entre as clases ilustradas era que a Terra era unha esfera, e incluso se efectuaron medicións bastante aproximadas do seu tamaño. Todos estes fenómenos e moitos outros eran dificilmente explicables cun modelo de terra plana. Isto era algo evidente non só para filósofos e os intelectuais aristócratas, senón tamén para campesiños, mariñeiros e outros traballadores familiarizados coas estacións, os movementos do sol no ceo e a curva do horizonte. Para os actuais crentes da terra plana, os solsticios e equinoccios, así como o paso das estacións, só poden explicarse como un acto de fe: hai algún tipo de divindade descoñecida que move o sol como se fose un foco, achegándoo ou afastándoo segundo as estacións. Así que, para min, celebrar o solsticio tamén ten algo de festa da racionalidade que xa posuían os primeiros científicos. Aqueles que hai miles de anos medían a circunferencia da Terra e construían enormes megalitos para conmemorar que un ano máis, chegaba o verán.

comentarios