Opinión

Fe e razón

A semana pasada falei de antivacinas e negacionistas do coronavirus. Aínda que o pensamento irracional non entende de tendencias políticas, a desconfianza cara ao considerado artificial e a identificación do natural como positivo está en xeral asociado a posturas políticas de esquerdas. Entón, son as persoas de dereitas máis racionais? En absoluto, pero si que se observa que os diferentes posicionamentos no espectro político sosteñen de xeito máis frecuente certas ideas erróneas. Nas posturas de dereitas, non son tan frecuentes dende o punto de vista estatístico ideas nas que se asocia saúde con natureza, como a homeopatía, a quimiofobia ou a cura a través de dietas sen eficacia demostrada. Pola contra, as ideas irracionais máis habituais nestes sectores basculan especialmente arredor de dous polos: a relixión e a conspiranoia política. Por unha banda, as crenzas relixiosas que teñen que ver con supersticións máis tradicionais manexan ideas de pecado, milagres e castigo. Concentracións como as que vimos nos últimos meses arredor de imaxes de santos sen ningún tipo de medida de seguridade, ou peticións estrambóticas de celebracións de misas en pleno estado de alerta, explicaríanse pola idea da enfermidade como castigo divino e a curación como intervención dun ser superior, ou ben como desprezo da saúde física e, en última instancia, da vida ao poñer por riba a saúde espiritual. Durante moitos anos as ideas irracionais de tipo relixioso estiveron protexidas por unha certa blindaxe social e incluso legal co delito de ofensa aos sentimentos relixiosos. Incluso o tipo de linguaxe que se emprega é diferente cando se trata da relixión maioritaria que de outras crenzas. Mentres que as relixións monoteístas, e en especial o cristianismo, son descritas como crenzas ou cultos, referímonos a outras moitas como supersticións, mitoloxías, mitos ou seitas. Relixións africanas politeístas ou animistas teñen unha connotación claramente negativa e asociada co satanismo, como a relixión vodú ou a santería, que nin sequera posúen esta figura do ser maligno. Durante a crise africana do ébola, asistimos ás máis irracionais expresións relixiosas, fundamentando a curación da enfermidade na realización de certos rituais. Non están tan lonxe disto os católicos que piden un status especial para reunirse en plena pandemia, como se a súa fe os fixese inmunes ás infeccións.

Comentarios