Opinión

Familia

A pesar das brincadeiras de patio de colexio das dereitas sobre o contido desta lei, o feito de considerar os animais domésticos parte da familia vai mellorar a calidade de vida de moitas persoas. Non só dos propios animais non humanos, senón de moitos animais humanos que se benefician de convivir diariamente con outras especies. Non penso só nos bechos terapéuticos, senón nos cans e gatos que son, en moitos casos, a única compaña de moita xente que vive soa. Tamén, nas persoas neurodiverxentes, sobre todo menores, aos que o feito de convivir cunha mascota achega beneficios en canto a contacto social, afectividade e comunicación.

Partimos da idea errónea de alma, que postula que o ser humano non está ao nivel dos outros mamíferos, senón que é un híbrido cunha parte divina e outra material. Descartes describe os animais non humanos como "máquinas animadas", en contraposición ao ser humano, dotado de alma, coñecemento e autoconsciencia. No século XXI, á luz das neurociencias, isto non se sostén. Existe un continuo ao longo da historia evolutiva, e moitos animais posúen diferentes graos de autoconsciencia, intelixencia e por suposto afectividade. Só isto sería abondo para ditar leis que prohiban o maltrato animal, independentemente da súa relación con nós. Pero é que ademais a ciencia tamén demostra os múltiples beneficios de convivir con eles. As crianzas que comparten os seus espazos con seres doutras especies sofren menos alerxias e melloran o seu sistema inmune, ademais de que as relacións establecidas desenvolven a empatía, a responsabilidade e o coidado. As persoas que convivían con animais amosaron menor estrés e mellor estado de ánimo, tamén durante o confinamento de 2020 e a pandemia. 

Para as persoas con trastornos mentais, que con frecuencia teñen dificultades para as relacións sociais con humanos, a compañía animal pode funcionar como ponte cara outras persoas e mellorar por si mesmos a autoestima, a sociabilidade e o ánimo. Para moitos pacientes con depresión, o paseo diario co seu can pode ser o único capaz de mobilizalos e impulsalos a saír. Os cans levan con nós máis de 30.000 anos. Os gatos, arredor de 9.000. Case toda a nosa historia como especie está ligada á convivencia con outros seres vivos non humanos. Non somos tan diferentes dos primeiros humanos que comezaron a colaborar, convivir e establecer lazos afectivos con outras especies.

Comentarios