Opinión

Facultade de Medicina

Cando as sanitarias falamos do maltrato institucional que sufrimos de xeito cotiá, con frecuencia non somos quen de poñerlle unha data de inicio. Cando comecei a sentirme así? Cando comezou a deteriorarse tanto a situación? A resposta na maior parte dos casos podería ser: no mesmo momento no que formalicei a miña matrícula universitaria. Un dos múltiples motivos polos que as profesionais da sanidade somos tan pouco dadas ás mobilizacións pode ser o feito de que nos afixemos ao maltrato dende o minuto cero. De feito, todo o discurso que se nos vende como estudantes non deixa de ser unha romantización dese maltrato. 

Na facultade experimentei como algo habitual actitudes vexatorias por parte do profesorado, neglixencia e absentismo e unha sensación xeral de que se nos consideraba, xa non usuarios, dende logo non "clientes", senón máis ben presuntos delincuentes á espera de xuízo. E con presunción de culpabilidade. Calquera queixa ou reivindicación topaba sempre con ideas en torno á vocación, ao traballo duro e á excelencia. Se te queixabas da excesiva carga lectiva ou da mala organización, era por preguiza e por escasa capacidade de traballo. Por outra banda, a tan demandada excelencia brillaba pola súa ausencia cando se trataba da docencia: profesores que non aparecían, materias que se solapaban ou que resultaban incomprensibles e inútiles e sobre todo prácticas superpoboadas e impartidas con desidia cando non con desprezo. 

As cousas non deberon de cambiar moito dende que eu era estudante, porque xa en 2019 o estudantado de Medicina convocou unha folga protestando por idénticas cuestións. A pandemia, como con todo, paralizou as mobilizacións e empeorou aínda máis a situación previa. Durante a crise sanitaria o desprezo e a indiferenza cara ás estudantes foi idéntica á que padecemos as profesionais. 
Agora que a Covid parece dar unha tregua, coa vacinación xa moi avanzada, infórmase as persoas matriculadas de que non terán unhas prácticas clínicas que xa pagaron e que as aulas continuarán a ser online, cando moitas delas xa terán aloxamento para o curso. Claramente, a facultade pretende, non só formarnos como médicas, senón adestrarnos para o continuo maltrato institucional que nos espera no futuro, comezando dende que entramos por esa porta que, a pesar de todo, lembro con afecto. Será a síndrome de Estocolmo.

Comentarios