Opinión

Experimentación animal

Estes días coñeceuse a noticia das arrepiantes condicións que padecían os animais en laboratorios de Alemaña, polo que a polémica sobre a experimentación animal volve estar sobre a mesa, se é que algunha vez non o estivo. Sobre esta cuestión existen tantas opinións como escasa información, polo que resulta difícil formarse unha posición crítica e, sobre todo, baseada en datos. O primeiro que deberíamos coñecer para argumentar a favor ou en contra desta práctica é cal é a lexislación ao respecto que rexe na nosa contorna. O caso de Alemaña é terrible precisamente porque incumpría a lexislación existente sobre as condicións nas que pode experimentarse con animais.

Nos países europeos, é necesario acreditar que non se dispón de ningún outro recurso para realizar un determinado experimento máis que facelo en animais. Se a mesma proba pode ser realizada en tecidos, órganos ou mediante outro procedemento, non se autoriza que se realice en seres vivos. Xeralmente, só os ensaios clínicos nas súas últimas fases son realizados en animais, e ademais esíxese que o seu número sexa o menor posible. Por outra banda, non todas as especies gozan da mesma consideración: enténdese que non é o mesmo empregar un mamífero que unha mosca da froita ou unha aplysia (un tipo de lesma mariña). Por este motivo, cans e gatos gozan dunha especial protección, e só en casos moi excepcionais poden ser empregados primates, como monos tití. Os grandes simios (gorilas, orangutáns...) están completamente prohibidos.

Por último, os procedementos e a cualificación do persoal están regulados esixindo que non se infrinxa aos animais máis sufrimento que aquel estritamente necesario para a finalidade experimental, incluíndo o seu sacrificio de ser preciso. Tamén nos procesos de transporte e no seu aloxamento debe terse en conta o seu benestar relativo.

No relativo á experimentación de produtos cosméticos en animais, esta práctica declarouse ilegal na Unión Europea en 2013, así como a comercialización de produtos testados en animais fabricados fóra da UE. O Parlamento Europeo tamén emitiu unha declaración que avoga pola prohibición mundial destes procedementos. Precisamos unha lexislación máis restritiva, maiores controis para que non se repita o acontecido en Alemaña, ou unha prohibición total, tamén no ámbito biomédico? Para todos os animais ou só para certas especies, como xa rexe para os grandes simios? Pode isto ter consecuencias sobre a saúde humana, e se é así, son estas asumibles a prol do benestar doutras especies? Todas estas cuestións poden permanecer abertas, pero só poden ser reformuladas con toda a información dispoñible.

Artigo publicado no Sermos Galiza nº371

Comentarios