Opinión

Evolución

O 24 de marzo celebrábase o Día da Evolución, no que se conmemora a publicación en 1859 da obra de Charles Darwin A Orixe das Especies. A partir desa data, o mundo nunca volvería ser o mesmo. Darwin considérase un dos máis grandes científicos de todos os tempos tanto pola importancia da súa contribución como polo escrupuloso (para a época) do seu método observacional. No século XIX, sen case tecnoloxía e simplemente mediante a clasificación e comparación minuciosa de centos de espécimes animais e vexetais, desenvolveu unha explicación global dos sistemas biolóxicos. Unha lei natural que rexe para todos os organismos vivos da Terra e posiblemente sexa extensible a calquera forma de vida que descubramos no futuro máis aló do noso planeta. Ademais da observación, Darwin puxo en marcha outro mecanismo igualmente laborioso e complicado: escapar dos propios prexuízos e do establecido na época á hora de interpretar os seus resultados. Precisábase dunha dose importante de valor para postular unha deriva cega e aleatoria que dá lugar ao ser humano, desprazando a este do lugar especial no cumio da creación divina,  naquela sociedade fortemente teísta.

A teoría da selección natural confórmase hoxe como a base de todo coñecemento biolóxico e as súas consecuencias fánsenos evidentes en calquera achega que fagamos aos organismos vivos. A existencia do coronavirus, un novo organismo que non existía ata hai un par de anos, non deixa de ser evolución en tempo real. Tamén nos serve para entender como afectan as nosas accións sobre os diferentes ecosistemas, como se interrelacionan os seres vivos entre si ou como era o mundo e a vida hai millóns de anos. Antes de Darwin, a idea dunha natureza inmutable, creada tal e como a vemos e ao servizo do home (en masculino) era un dogma indiscutible.

Aínda hoxe é preciso reivindicar a obra de Darwin e as súas teorías, a pesar de que no ámbito científico considérase unha das explicacións que acumula máis evidencia. En moitos lugares a evolución aínda está proscrita do ensino ou ten que compartilo con ideas de tipo relixioso en pé de igualdade. Incluso na nosa contorna é frecuente que moitas persoas descoñezan as teorías evolutivas ou pensen que se trata simplemente dunha hipótese non comprobada. Creo que Darwin estaría ao mesmo tempo moi satisfeito do éxito que tivo a súa idea e moi sorprendido de que aínda teñamos que defendela.

Comentarios