En Cataluña acaba de suspenderse cautelarmente a eutanasia solicitada por unha muller con diagnóstico de trastorno límite de personalidade e trastorno obsesivo-compulsivo. Esta suspensión foi solicitada polo seu pai, ao parecer co apoio e asesoramento da asociación ultra Abogados Cristianos, famosa por iniciar demandas por motivos disparatados, simplemente pola visibilidade que lles proporciona para colocar o seu discurso limitador de dereitos.
Os motivos alegados pola familia teñen que ver coa falta de capacidade da persoa para solicitar a eutanasia. A asociación sobra dicir que non ten o menor interese en velar polos dereitos ou o benestar nin da paciente nin da súa familia, senón que simplemente se opón á eutanasia por sistema e por motivos relixiosos sen outro fundamento. O que parece preocupante é que unha familia bloquee xudicialmente unha decisión tan persoal, que ademais foi avalada por un comité de bioética, en conivencia cun grupo ultracatólico. Menos da metade dos casos presentados reciben a aprobación, polo que o feito de que esta solicitude en concreto si fose aprobada ten especial relevancia.
A posibilidade de solicitar esta medida por motivos psíquicos é controvertida, e de feito a lei exclúe como causa posible o sufrimento psíquico. Existen baixo o meu punto de vista dous problemas aquí. O primeiro é que entende o lexislador como sufrimento psíquico, porque non se axusta a ningunha descrición psicopatolóxica. A lei está pensada para enfermidades físicas progresivamente deteriorantes ou incapacidades severas e parece referirse a estes casos. Por outra banda, parece razoable que unha persoa cunha depresión grave diagnosticada non poida solicitar a eutanasia, porque as ideas suicidas poden formar parte da propia patoloxía e desaparecer ao mellorar esta. Porén, o problemático aquí é considerar que unha persoa con diagnóstico psiquiátrico non está capacitada para tomar ningún tipo de decisión sobre a súa vida, sexa cal sexa esta e sexa cal sexa o caso. Na persoa da que falamos, ningún dos dous diagnósticos modifica o xuízo de realidade e así o considerou o organismo responsable. Se se recoñece un dereito, como a morte digna, as persoas con trastornos mentais non poden ser excluídas automaticamente e teñen dereito a unha valoración independente e libre de inxerencias externas.