Opinión

Esperanza de vida

A esperanza de vida das persoas afgás aumentou en case dez anos dende a caída do anterior réxime talibán. Sen entrar a valorar a pertinencia ou non da intervención estranxeira no territorio, este dato dá unha idea do que acontece cando se antepoñen as consideracións relixiosas aos feitos científicos. Cando pensamos nas restricións que pesan sobre a poboación cun goberno teocrático pensamos en vestido, ensino e, no caso das mulleres, dereitos civís. Todo isto é certo, pero ademais da limitación das condicións vitais supón tamén unha redución da duración do seu tempo de vida. A dificultade de acceso á atención sanitaria e a supeditación desta a ideas supersticiosas ten estes terribles efectos.

Penso especialmente na saúde reprodutiva das mulleres, as que máis van perder con esta traxedia humanitaria. Na anterior época talibán vimos imaxes absolutamente surrealistas, como exploracións médicas a través dunha cortina ou o veto a que médicos homes atendesen mulleres. Ao mesmo tempo, rexía tamén a prohibición de que as sanitarias exercesen a súa profesión. Unha das primeiras noticias que nos chegou tras a caída da capital foi a limitación das reunións entre homes e mulleres, polo que moi probablemente, e a pesar das mensaxes de “moderación” do movemento teocrático, a situación volverá ser a mesma. 

Exemplos tan extremos coma este poden facernos reflexionar sobre como se toman certas decisións no campo da política sanitaria, mesmo noutros escenarios máis favorables. Cando falamos de dereito ao aborto, sabemos como afecta á esperanza de vida das mulleres o feito de ilegalizalo? Cando pensamos en información e saúde reprodutiva, pénsase só no número e frecuencia das relacións sexuais que manteña unha muller, ou pensamos tamén en como protexer a súa saúde? O feito de que as persoas, e particularmente certos colectivos, posúan información de boa calidade non só mellora a súa vida, senón que pode alongala considerablemente.

O acceso doado ao sistema sanitario, e a métodos anticonceptivos (ordinarios ou de emerxencia) sen ter que sufrir xulgamentos morais, son factores relevantes nos que case nunca reparamos. Parécenos que só en contextos de extrema irracionalidade acontecen este tipo de atropelos, pero non é preciso ser un integrista relixioso para que os prexuízos morais contaminen as opinións, e isto nunca é de balde. Custa, literalmente, anos de vida.

Comentarios