Opinión

Erradicación

O 8 de maio de 1980 a OMS certificaba a erradicación da varíola, a primeira enfermidade que o ser humano logrou eliminar da face da terra. A clave para logralo foi, por suposto, a vacina. A varíola estaba presente na especie humana dende o 10.000 antes da Era Común, e detectouse en momias exipcias e outras poboacións da Antigüidade. Durante a Idade Media foi unha epidemia que periodicamente provocaba surtos que ocasionaban unha altísima mortaldade, cegueira e desfiguración nos superviventes. Tanto en Asia como no noso medio era un coñecemento popular o feito de que infectarse da variante bovina da enfermidade, moito máis leve, protexía da perigosa variante humana. As persoas que trallaban co gando, caracteristicamente as leiteiras, adoitaban ser inmunes á cepa humana por contacto cos animais. Foi unha muller, Mary Montagu, quen observou que en Turquía era unha práctica común perforar a pel con agullas impregnadas de pus extraído das bochas dos animais. A observación empírica demostrara a humildes gandeiros que esta operación protexía de padecer as formas máis graves da enfermidade. Lady Montagu, á súa volta a Europa, foi a precursora da inoculación da varíola bovina como forma de evitar contraer a variante humana. Un mozo Mozart puido beneficiarse da recente técnica, pero o seu pai opúxose, ao non estar seguro de que non fose contraer a enfermidade, e finalmente o músico contraeuna á idade de 11 anos, aínda que sobreviviu a ela. Porén, houbo que agardar case un século para que un home, Edward Jenner, figurase oficialmente como promotor da inoculación, este xeito primitivo de vacina. 

Outra muller, Isabel Zendal, cobra protagonismo na historia da inmunización contra a doenza. Esta enfermeira participou na expedición Balmis levando a cura a América no organismo de 22 nenos orfos. Esta incrible aventura, coas súas luces e sombras, inspirou a novela de María Solar Os nenos da varíola. 
A inmunización permitiu que o virus da varíola desaparecese por completo, un fito que só se igualou coa erradicación da peste bovina en 2011. Aínda así, non podemos estar completamente seguros de que non existan reservorios que poidan provocar un novo surto, como nos lembra a presenza do virus detectada en momias siberianas falecidas pola enfermidade. A presenza destes organismos recórdanos a prudencia que debemos manter e tamén o que o coñecemento científico pode facer pola humanidade.

Comentarios