Opinión

Epidemia, endemia, pandemia

Nas novas relacionadas co coronavirus non deixamos de escoitar unha e outra vez as palabras epidemia e pandemia. Son denominacións axeitadas para describir como se comporta o virus, pero o modo no que se empregan remite sen dúbida a enfermidades graves e elevada mortaldade. Porén, só fan referencia ao modo de comportarse da enfermidade e os lugares nos que se dá, sen facer referencia en ningún momento á súa gravidade.

Unha enfermidade endémica é aquela que é propia de certos lugares e que se atopa principalmente neles, sen que sexa frecuente atopala fóra destes. Por exemplo, se facemos unha viaxe a zonas tropicais, é posible que teñamos que vacinarnos de enfermidades endémicas nestas áreas, como a febre amarela, que non están presentes na nosa contorna. Isto non quere dicir que sexa imposible que algúen padeza febre amarela na Coruña, ben porque estivo nun dos lugares onde se contrae ou por outras causas, pero non é esperable que isto suceda. A incidencia da enfermidade é estable nas zonas que lle son propias, e baixa ou nula fóra delas.

Unha enfermidade endémica pode expandirse fóra dos lugares nos que habitualmente se dá, ben porque cambien as condicións ambientais ou ben porque se expanda por medio do transporte de seres vivos (animais, persoas ou produtos de orixe vexetal) que actúen como vectores. Se isto acontece, e aparecen máis casos dos agardables nun tempo determinado e nunha poboación concreta, falamos de epidemia. As epidemias nas que pensamos en primeiro lugar son os famosos surtos de cólera londinienses, nos cales se describe por primeira vez como se comporta unha epidemia e como pode controlarse, pero a gripe tamén é unha enfermidade epidémica, cun pico estacional ben coñecido, aínda que cunha letalidade moito menor.

Por último, se unha epidemia se estende por máis dun país ou por unha área xeograficamente extensa, falamos de pandemia. En 2009 a OMS cambia a definición, que ata ese momento precisaba que unha enfermidade tivese unha mortaldade elevada para falar de pandemia, por unha descrición máis neutra que só fai referencia á extensión elevada na que se presenta. Neste sentido, é acaído falar do coronavirus como dunha pandemia, pero isto non ten nada que ver coas mortes que poida producir, que seguen a ser baixas.

Comentarios