Opinión

Enfermidades de transmisión alimentar

A alerta sanitaria provocada polas intoxicacións alimentares por listeriose debera servir para facernos reflexionar sobre a seguridade dos alimentos que consumimos. Enfermidades coma esta, que causaban mortes innumerables hai non tanto tempo, actualmente constitúen feitos dramáticos pero puntuais.

A OMS define as enfermidades de transmisión alimentaria como aquelas doenzas que poden ser atribuídas a un alimento específico ou a substancias que o contaminan. Poden ser producidas por bacterias, como a listeria, a salmonela ou o cólera; por virus, como certos tipo de hepatite; por toxinas como o botulismo ou por calquera axente químico (pesticidas, produtos de limpeza, substancias de orixe natural) nocivo para o ser humano.

Non hai tanto tempo, as toxi‑infeccións alimentares eran unha das primeiras causas de morte nos países occidentais, xunto coas enfermidades infecciosas de transmisión humana. O cólera arrasaba Londres ou Venecia periodicamente, e na Galiza era endémica a tuberculose transmitida polo leite de vaca sen ferver. Bacterias como a listeria, a brucela ou a coxiella provocaban abortos e diarreas con sangue que sen soporte sanitario podían cobrarse doadamente vidas humanas.

Xunto co saneamento das augas e os antibióticos, as medidas de seguridade alimentar son o feito que máis aumentou a esperanza de vida das persoas e diminuíu a morbi‑mortalidade. A nosa memoria é curta, e cando falamos de que a calidade alimentar antes destas medidas era maior que na actualidade, esquecemos que a comida sen controlar era “máis natural”, pero mataba. A idea de que é máis saudable consumir alimentos manipulados sen ningún tipo de control, como queixos ou embutidos caseiros, obvia o problema que supoñen as enfermidades alimentares, e tamén o feito de que a única maneira de que a práctica totalidade da poboación teña acceso a alimentos seguros é que estes produtos estean sometidos a procesos de conservación e control rigorosos.

Son estes procedementos os que fallaron, ocasionando xa tres mortes no momento no que escribo este artigo. Imaxinades o que pasaba cando simplemente non existían?

Comentarios