Opinión

Endometriose

En relación á nova lei que contempla unha baixa específica para as persoas con regras dolorosas, coñecidas como dismenorrea, comeza a falarse tamén dunha doenza ata agora pouco coñecida e con frecuencia ignorada: a endometriose. Esta afección é unha das posibles causas de menstruacións dolorosas. Consiste nun crecemento anormal do tecido interior do útero, o endometrio, que invade órganos e estruturas próximas como o solo pélvico ou as trompas de Falopio e os ovarios. Este tecido é sensible aos estróxenos e responde a eles da mesma maneira que o endometrio na súa localización fisiolóxica no interior do útero: aumenta e prolifera cando se elevan os estróxenos, na primeira fase do ciclo menstrual, para despois degradarse e deprenderse en forma de sangrado menstrual cando os estróxenos descenden a partir da ovulación. O problema é que o tecido endometrial que non está no útero non ten xeito de ser eliminado do organismo porque non pode ser expulsado por vía vaxinal, o que ocasiona dor e inflamación.

A endometriose con frecuencia non se diagnostica ou detéctase tarde, en parte pola idea errada sobre que a dor menstrual é normal. Moitas persoas non consultan polas dores menstruais e, as que si o fan, en moitas ocasións non atopan respostas polos propios preconceptos dos profesionais. Porén, ademais da dor pode ser unha enfermidade grave que produza esterilidade.

As mulleres xeralmente recibimos menos diagnósticos que os homes, realízansenos menos probas complementarias, como eco ou radiografías, analíticas e TACs, e derívasenos en menor medida a atención especializada. Ante queixas de dor, recibimos con máis frecuencias psicofármacos que analxésicos. Ademais, os síntomas de moitas enfermidades descríbense só en homes e non en mulleres, nas que poden variar, e as enfermidades propias das mulleres reciben menor financiamento e concitan menor interese investigador. Coa endometriose atopámonos ante a tormenta perfecta: un trastorno que só padecen as persoas que menstrúan, que se manifesta principalmente por un síntoma subxectivo como a dor e que afecta a un grande tabú como é a regra. Agardemos que polo menos a posibilidade dun cambio lexislativo dea a coñecer esta enfermidade que parece caer no punto cego da medicina.

Comentarios