venres 14/08/20

Efebifobia

Cos novos surtos do coronavirus volve falarse da xerontofobia implícita nas situacións terribles que se viviron nas residencias de anciáns e que desvelan unha idea arrepiante: a de que unha vida nas súas últimas etapas é menos valiosa menos posuidora de dereitos. Porén, hai outra tendencia curiosa nestes días, e é a da efebifobia: o odio ás persoas novas, e a tendencia a culpalos de todos os males. Agora son os adolescentes os culpables de que as medidas de control do ocio nocturno fracasasen, de que nas discotecas non se fagan cumprir as distancias de seguridade e de xuntarse cos amigos, cousa que as persoas de máis idade parecera que non fan.

A menor idade, menor sensación de perigo, o cal é un trazo normal desta etapa evolutiva. Sería conveniente facer campañas específicas segundo os grupos etarios, igual que se fai especial fincapé nas persoas de idade avanzada polo especial risco. Pero é que ademais, culpabilízase a xente nova por condutas que, ou ben son normais e están permitidas (xuntarse cos amigos, por exemplo) ou que son perigosas pero afectan a todos os grupos de idade (non poñer a máscara ou poñela mal e non gardar as distancias). Por outra banda, no imaxinario “xente nova” pode incluírse, segundo conveña, os menores de idade entre 14 e 16 ou señores de 36 nunha terraza, rindo a berros e fumando. Segundo a conduta que queiramos criticar, poñemos o rango do que é ser “novo”.

Os adolescentes e adultos novos foron absolutamente ignorados nesta crise, estiveron recluídos na casa probablemente máis tempo que ninguén, sufriron a desidia das administracións, dunha consellería de ensino que non deu ningún tipo de directriz para os cursos superiores de ESO e bacharelato e dunhas universidades que directamente os insultaron e criminalizaron. Ninguén supuxo que, se cadra, só se cadra, persoas en momentos centrais de crecemento e desenvolvemento precisaran atención de algún tipo. Que individuos cos mesmos dereitos, pero menores recursos, tanto psíquicos como sociais e incluso legais, puideran ser obxecto de especial atención e protección. A estratexia pasou por ignoralos, despois chamarlles vagos, hackers e irresponsables para agora culpalos polos novos surtos. Estou agardando a que en dez anos nos queixemos de que esta xeración é unha desagradecida.

comentarios