Opinión

Efectos adversos (1)

O nivel de alarmismo e desinformación que se está a xerar nos medios arredor da vacina da empresa Astra Zeneca roza ultimamente o paroxismo. Hai aquí dúas cuestións ben diferenciadas que coido que cómpre expoñer porque se confunden de xeito constante e arbitrario. Por unha banda está a política empresarial tanto da UE como da farmacéutica, e por outra a cuestión dos efectos adversos. Son temas que ademais teñen que ser analizados dende diferentes ámbitos de coñecemento que non se relacionan necesariamente entre si. A primeira cuestión é política e económica, a segunda biofarmacolóxica. As decisións que se toman están suxeitas a opinión e debate, son de tipo político e ideolóxico. Como se comporta determinada molécula non debera ser obxecto de discusión máis que na medida na que o descoñecemos e investigamos.

Como persoa de esquerdas, detesto profundamente as posicións que se están a tomar con respecto da comercialización e distribución das vacinas, antepoñendo o lucro de empresas privadas ás vidas das cidadás. Esta mesma semana viamos no parlamento como todos os partidos maioritarios, PSOE incluído, votaban en contra da liberación de patentes por parte de India e Sudáfrica, no contexto dunha pandemia mundial, e cando as propias empresas deciden non respectar as regras do seu propio xogo capitalista e incumprir acordos e contratos. Que os estados europeos non tomen medidas ao respecto e non sancionen duramente á farmacéutica semella a constatación da UE como clúster empresarial e non como entidade política solidaria cos seus habitantes. A posibilidade de crear laboratorios públicos xa nin se contempla.

As decisións que se toman son políticas. O coñecemento científico pode ter un papel se se escoita aos expertos, pero obviamente non é o principal e en calquera caso a ciencia non nos di se facer A ou B. É igual de científico vacinar que non vacinar, o que pode ser é moral ou inmoral. A ciencia só nos describe un organismo e nos fornece das ferramentas para combatelo, pero non nos indica como e cando empregalas. Calquera decisión é de tipo ético-moral, e non científico. A vacina sería igual de eficaz e tería os mesmos efectos adversos se a fabrica unha empresa privada ou unha pública, se hai que pagar por ela ou é de balde. Esta é a parte política. A vindeira semana falarei dos efectos adversos, que é a parte científica deste problema.

Comentarios