Opinión

Efecto Matilda, efecto tesoiras

Mañá celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e cando existen este tipo de efemérides sempre é porque hai un problema detrás. No caso das mulleres e a carreira científica, de feito, hai varios. Moitas veces pídesenos ás divulgadoras que exerzamos como modelos e referentes para as nenas e mozas con vocacións científicas, e isto ás veces chegou a provocarme certa disonancia cognitiva. En primeiro lugar, porque non todos os campos da ciencia se ven afectados de igual maneira pola desigualdade de xénero. No caso das ciencias da saúde, a presenza feminina é maioritaria, e aquí case sería máis necesario alentar os homes a que se decanten por profesións relacionadas tradicionalmente cos coidados, como enfermaría, labores socio-sanitarios ou aqueles relacionados coa infancia. É nos eidos que teñen que ver coa tecnoloxía ou as ciencias exactas nos que a representación feminina é menor. Por unha banda, aínda se perpetúa o preconcepto de que as mulleres son menos capaces para as matemáticas ou a física e, por outra, dáse o chamado efecto Matilda: as mulleres que traballan nestas áreas non só son menos, senón tamén menos visibles e moitas veces os seus logros son atribuídos a colegas masculinos ou non se lles recoñecen. 

O outro motivo polo que ás veces me xera incomodidade animar as mozas a que se dediquen á ciencia é o chamado efecto tesoira: incluso naquelas áreas onde as mulleres son maioría, a medida que se avanza na carreira investigadora, a proporción de xénero tende a inverterse. Noutras palabras, as mulleres caen polo camiño. Abandonan a investigación e rematan por dedicarse a outras cousas. Isto sucede, fundamentalmente, porque o traballo de coidados continúa a recaer fundamentalmente en nós e isto provoca unha desvantaxe insalvable con respecto aos investigadores varóns. É ético entón animar as nenas a que se dediquen á ciencia sabendo que con toda probabilidade fracasarán e que este fracaso non terá que ver coas súas capacidades, senón coa discriminación? Debéramos crear tamén referentes masculinos en profesións altamente feminizadas? Se cadra sería acaído comezar por combater as causas de desigualdade e garantir que esas vocacións teñan posibilidades de 
materializarse.

Comentarios