Opinión

E agora que?

Parece que por fin remata un verán sen a ameaza dun novo aumento dos casos de coronavirus, dunha nova onda. No outono contabilizaremos máis contaxios, como xa se rexistraron bastantes máis este verán que o pasado, pero a situación non é nin moito menos a mesma, nin en canto a mortalidade nin en canto a risco. Completouse a "gripificación" da Covid, como xa os expertos adiantaron ao comezo da pandemia: o coronavirus de 2019 converteuse nun coronavirus máis dos moitos que circulan e que producen en xeral síntomas leves salvo en casos moi contados.

Entón podemos dicir que superamos a pandemia que lle tocaba á nosa xeración e que as cousas van volver á normalidade? Témome que non. A destrución acelerada de ecosistemas, o cambio climático e a maior mobilidade humana e de produtos para o noso consumo fai que a posibilidade de novas mutacións dende animais sexa moitísimo máis elevada. Non se trata de crear alarma ou medo, senón de tomar boa nota e aprender da crise que acabamos de superar.

Se cadra o modelo capitalista, que favorece que unha noz se produza en California para ser consumida na Galiza, e que naturalizamos con tanta facilidade, estea a amosar a súa verdadeira cara. Non só supoñen unha ameaza os custos medioambientais derivados do transporte e a procura de man de obra cada vez a máis baixo prezo, senón tamén a elevada mobilidade sen sentido a través de todo o mundo. Canto máis traslademos mercadorías e animais dunha área a outra do planeta, máis favorecemos a posibilidade de mutacións. Canto máis fagamos que convivan cantidades inmensas de animais de granxa en espazos minúsculos, máis nos estamos a poñer en risco. Non só é pouco ético e cruel, tamén é perigoso.

Poderíamos dicir que a pandemia foi unha consecuencia indirecta do modo de produción capitalista e dos mercados globalizados, como tamén o é o cambio climático. Noutros momentos históricos houbo problemas de saúde pública derivados doutras circunstancias, pero nesta etapa temos os medios para saber que pasou e impedir que volva acontecer, ou polo menos diminuír as probabilidades. Na Idade Media non tiñan xeito de saber cal era a orixe da Peste Negra, pero nós sabemos cales son os factores implicados nas enfermidades coma esta, e moitos deles están relacionados co noso modelo de consumo e produción. Que imos facer ao respecto como sociedade?

Comentarios