Opinión

Donés

A morte de Pau Donés a causa dun cancro de colon volve traer á actualidade o problema das pseudoterapias nos procesos oncolóxicos. Aínda que Donés recibiu tratamento médico, e sempre agradeceu e recoñeceu o papel da sanidade no seu proceso de enfermidade, tamén defendeu o uso de supostas terapias sen evidencia empírica como tratamento “complementario”. Nomeadamente, algunhas delas relacionadas co movemento de Josep Pámies, investigado por delitos contra a saúde pública en 2016 e recentemente de novo, por propugnar falsos tratamentos contra o coronavirus.

O emprego do termo “complementario” está encamiñado a xerar confusión sobre este tipo de procedementos, porque dá a idea de que se poden empregar en paralelo a tratamentos con base científica e poden axudar á cura da enfermidade. Isto é así porque no caso de presentar as pseudoterapias como “alternativas” á medicina real, poderían incorrer, como de feito xa aconteceu, na comisión dun delito.

Entón, que hai de malo nas terapias pseudomédicas se se empregan de xeito “complementario” á medicina que realmente é eficaz? En primeiro lugar, poden supoñer a perda dun tempo crucial. En procesos oncolóxicos, os meses ou as semanas poden determinar o prognóstico da enfermidade Probar tratamentos sen evidencia antes de iniciar os que si son eficaces pode supoñer a diferenza entre a vida e a morte. En segundo lugar, aínda que os seus promotores queiran identificar “natural” con “inocuo” calquera substancia que teña efecto pode ter tamén efectos secundarios. Cando falamos de tratamentos complexos, con varios fármacos e moitas interaccións, engadir outros elementos pode modificar ou comprometer a eficacia. Por último, aínda no mellor dos casos, o de produtos que non teñen efecto sobre o organismo, como os preparados homeopáticos, consistentes en auga destilada, achegariámonos perigosamente a unha fraude, aínda que no estado español non sexa polo momento ilegal. Estimúlase o investimento de cartos en produtos ineficaces a persoas que xa corren con máis gastos do normal a raíz da súa enfermidade, como transporte, aloxamento se é o caso etc. Pode que polo momento sexa legal, pero claramente é inmoral. A Donés non o matou a pseudoterapia, senón a enfermidade, pero outras persoas poñen en risco a súa saúde por confiar neste tipo de publicidade enganosa.

Comentarios