Opinión

Divulgación en tempos escuros

Esta fin de semana publiquei en Twitter un fío sobre unha cuestión que me preocupa bastante. Que labor estamos a xogar os divulgadores neste momento histórico? É case imposible absorber e filtrar en forma de divulgación todo o coñecemento que se está a xerar a hipervelocidade sobre a pandemia, e ademais sería necesario ser experto en viroloxía, enfermidades infecciosas, estatística... Tamén resulta difícil rebater cada idea conspiranoica (algunhas absolutamente delirantes, como que a neve é en realidade plástico) que aparece nas redes. Para os divulgadores xerais ou especializados noutros eidos, como é o meu caso, o noso papel debera ser difundir información de saúde xeral e, sobre todo, sobre como funciona a ciencia, cales son os procesos que estamos a vivir, onde e de que xeito se poden resolver as dúbidas... Tamén me parece moi importante nestes momentos que os científicos e divulgadores digamos as dúas palabras máis temidas: non o sei. Ou ben porque un persoalmente non controle certo tema, ou ben porque o estado actual da ciencia non pode dar unha resposta. 

O que si teño claro que non debemos facer dende a palestra da divulgación é xulgar, censurar e emitir xuízos morais. Por desgraza, todas estas actitudes están demasiado presentes. Ás veces, con temas que si poden ter unha dimensión ética porque nos afectan a todas, como a distancia social ou o autoconfinamento, e outros con cuestións estritamente individuais: que comemos, que bebemos, se facemos ou non exercicio. Aínda que non son comparables, tanto unhas actitudes como outras están fortemente condicionadas por aspectos socioeconómicos como renda, lugar no que vivimos e traballo que desenvolvemos. Asignar categorías morais, ás veces moi duras, ás veces en forma de insulto, a persoas que non cumpren con determinados estándares, non só non axuda a fomentar hábitos de saúde positivos, senón que pode xerar estigma ou desafección. 

Podemos empregar a ciencia como instrumento para aumentar o noso coñecemento e tomar mellores decisións ou podemos empregala como ariete para discriminar e coaccionar a quen non fai o que nós pensamos que é o correcto, e que xeralmente pertencerá ás clases máis vulnerables. Eu sitúome decididamente coa primeira opción.

Comentarios