Opinión

Diferenzas

Na semana do 8-M, aínda queda moito que sachar. A moitos niveis, tamén no da saúde persisten discriminacións que non parecen propias do século XXI. A diferenza biolóxica que moitas veces se emprega para xustificar tratos degradantes ou diferenciais, ou para excluír persoas trans das reivindicacións do feminismo, despois esquécese alegremente cando se trata da saúde da metade da poboación. As doenzas que son propias especificamente das persoas con útero e ovarios reciben menos financiamento e investíganse menos, como xa comentei algunha vez. Non é só que as doenzas comúns poidan manifestarse de forma diferente, senón que hai certos órganos que, como parece lóxico pensar, poden ter enfermidades que lles son propias. Coa pandemia vimos un exemplo destas neglixencias, por sorte sen consecuencias graves, ao fío das alteracións menstruais que podían ocasionar as vacinas. Miles de mulleres percibiron e reportaron estas modificacións, que non aparecían na ficha técnica e que os profesionais non coñecían. Outro exemplo flagrante é a endometriose, un crecemento anormal da capa interior do útero, o endometrio, que con frecuencia produce dor, especialmente durante a menstruación. Só ultimamente se lle empeza a prestar atención a unha patoloxía dolorosa que ás veces pode afectar á fertilidade.

Cando reclamamos mellores oportunidades para que as mulleres desenvolvan a súa carreira investigadora en disciplinas científicas, non o facemos só por unha cuestión de xustiza, que tamén. As mulleres son arredor do 80% das licenciadas biomédicas, pero a súa presenza é cada vez menor cando comezamos a avanzar na carreira investigadora. Isto non só afecta á igualdade de oportunidades, afecta directamente á nosa saúde. Queda claro que cando son os homes os que marcan o rumbo da investigación, os problemas de saúde que afectan ás mulleres fican fóra. Isto non debera ser así, e non debera ser preciso ter útero para investigar a endometriose, pero na práctica os homes non se ocupan dos problemas das mulleres nin dos das crianzas. Para garantir un avance igualitario e unha atención correcta á nosa saúde, o único camiño é que sexan tamén mulleres as que marquen cales son os camiños que debe seguir o coñecemento científico. Para ter unha visión plural, inclusiva e na que ninguén quede atrás, facemos falla todas.

Comentarios