Opinión

Dietas

Despois dos excesos gastronómicos das festas, aparecen multitude de anuncios de métodos e produtos para perder peso. Na nosa contorna, as cifras de sobrepeso e obesidade en adultos rondan a mareante cifra do 55%. É dicir, hai máis adultos con sobrepeso ca sen el. Os estudos sinalan aos produtos ultraprocesados e ás bebidas con azucre como principais responsables do desastre, un problema de saúde pública que soborda a responsabilidade individual de restrinxir a alimentación durante un par de meses para perder o par de quilos que collemos nas festas. As dietas que se publicitan poden ser inútiles ou directamente perigosas, e en case a totalidade dos casos resultan desequilibradas. Resulta obvio que, nun panorama no que a maioría das persoas precisan perder peso, o mercado para este tipo de solucións curtopracistas é enorme. Tampouco é necesario pensar moito para decatarse de que un problema de semellante magnitude non pode ser atallado con medidas individuais, e que o sobrepeso é unha condición multifactorial que depende de moitas máis cousas que da vontade individual de cada persoas de perder peso. Se así fose, os datos non serían tan arrepiantes. A obesidade infantil acada tamén cotas de pandemia e compromete de xeito alarmante a saúde futura das xeracións máis novas. Pode ser que esteamos perante a primeira xeración na que a esperanza de vida diminúa por doenzas relacionadas coa malnutrición e sobrealimentación, se non logramos reverter esta tendencia.

Porén, moitas veces as dietas que se propoñen dende o sistema sanitario tamén conteñen produtos ultraprocesados e polo tanto desaconsellados, como galletas industriais e marmeladas, ou fariñas refinadas que tampouco se deberían promover. De feito, a famosa pirámide nutricional incluía na súa base pan e pastas, e suxería como de consumo ocasional alimentos claramente non saudables, como alcol ou doces, cando a recomendación sobre eles debera ser menor consumo posible.

No estado actual do coñecemento científico, debemos substituír nas nosas recomendacións a obsoleta pirámide polo chamado prato Oxford, que prioriza produtos de orixe vexetal, ou pola nova pirámide que sitúa na súa base froitas e verduras e limita carnes e lácteos, promovendo como bebidas principais auga e infusións.

Comentarios