Opinión

Diabetes

A diabetes tipo I é unha enfermidade autoinmune, na que o propio organismo destrúe as células pancreáticas que producen insulina, que é a substancia que fai que as células poidan empregar a glicosa como combustible do que obter enerxía.  Nas enfermidades autoinmunes, as células defensivas do noso corpo identifican como axentes patóxenos tecidos ou estruturas propias, e actúan contra eles. Ata 1921, a diabetes tipo I era inevitablemente mortal, e particularmente dramática por afectar a persoas novas que se consumían sen remedio, entrando en coma e finalmente falecendo. Nesta data, hai case 100 anos xustos, descóbrese a insulina e comezan a realizarse os primeiros experimentos con cans, aos que se lles extirpa o páncreas para posteriormente inxectarlles insulina. Así se logra o primeiro tratamento para a enfermidade, que parece curar milagrosamente aos doentes, espertándoos incluso do coma. Porén, as persoas afectas de diabetes deben manter ao longo de toda a vida a administración de insulina inxectada, sen a cal non poden sobrevivir, aínda que as insulinas comerciais melloraron extraordinariamente nos últimos anos, facéndose máis doadas de administrar e máis seguras. A pesar disto, as complicacións da diabetes, en ocasións graves (problemas visuais, circulatorios, renais...) continúan a ser frecuentes e limitan a calidade de vida das persoas afectadas.

Este mes cúmprense sete anos dun fermoso acto de xustiza poética: menos  dun século despois, en 2013, outro can protagonizou o seguinte paso no tratamento desta enfermidade: investigadoras da Universidade Autónoma de Barcelona presentaron a cura total dun animal diabético, mediante terapia xénica, nunha única sesión. Lograron, mediante un vector derivado dun virus, introducir no organismo os xenes que producen a insulina, que se sitúan en células sas e reinstauran o correcto funcionamento do metabolismo da glicosa. As terapias xénicas comezan xa a dar os primeiros froitos para a cura definitiva de enfermidades crónicas, graves e moi prevalentes, a pesar das iniciais reticencias con respecto a todo o que tivese que ver con “manipulación” xenética. En só cen anos, o progreso do coñecemento biomédico cambiou o escenario: dende unha morte segura, cara a unha enfermidade crónica pero compatible coa vida. Agora o que parece a curación completa, mediante cambios producidos por biotecnoloxía no propio xenoma celular.

Comentarios