Opinión

Día Mundial da Saúde Mental

O10 de outubro foi escollido como día mundial da saúde mental, e cada vez cobra maior importancia. A depresión, por nomear o trastorno mental máis común, é a primeira causa de enfermidade e discapacidade en todo o mundo, e a segunda causa de morte entre adultos novos. A velocidade coa que atallamos outro tipo de trastornos, como as enfermidades infecciosas ou cardiovasculares, non se aplica para as doenzas mentais. A súa orixe complexa e multifactorial fai que sexa máis difícil combatelas, pero tamén o histórico esquecemento destas patoloxías fai que o coñecemento sobre elas fique moi atrasado con respecto doutras ramas da medicina. Ademais, moitos factores protectores da saúde mental teñen que ver con medidas sociais: igualdade de dereitos, non discriminación, erradicación da pobreza, vivenda digna, tolerancia cero co maltrato infantil e coa violencia de xénero. Todo isto choca coa cara máis escura do capitalismo, que pon o beneficio económico duns poucos por diante da saúde da inmensa maioría.

Non se trata aquí de reducir todo ao enfoque máis biolóxico das alteracións da bioquímica cerebral nin de negar, no outro extremo, a existencia mesma da enfermidade mental ou atribuíla completamente a factores de socialización. O cerebro é un órgano plástico e infinitamente complexo, influído por multitude de factores externos e internos. Esquecer calquera deles fará que non teñamos todas as pezas do crebacabezas e que non poidamos resolvelo. 

A atención á saúde mental pasa por diversos niveis, e o primeiro deles son as medidas de xustiza social. Nun segundo lugar, debemos reivindicar unha rede de dispositivos eficaces e ben dotados, con profesionais de todos os eidos: psiquiatras, psicólogas, persoal de enfermería especialista e de traballo social. Trátase dun traballo multidisciplinar que non pode ficar en mans dunha soa persoa. Por último, e no chanzo correspondente á maior gravidade, deben existir programas específicos de trastorno mental grave, atención á cronicidade, dispositivos residenciais dignos para as persoas que así o precisen e equipos de atención domiciliaria. Todo isto, por desgraza, continúa sendo claramente insuficiente na Galiza e as cifras continúan a aumentar.

Comentarios