Opinión

Depresión

Esta semana tiven a fortuna de participar na presentación do novo libro do xornalista Anxo Lugilde, A Vella Compañeira, no que relata a súa vivencia da enfermidade depresiva. Xa falei noutras ocasións nesta columna do traballo normalizador e antiestigma de Anxo, polo que hoxe quero centrarme na patoloxía en si mesma. 

A depresión foi a principal causa de morbilidade en 2020, segundo datos da OMS. O suicidio, a súa consecuencia máis extrema, xa é a principal causa de morte violenta por riba dos accidentes de tráfico. Na súa xénese concorren moitos factores, algúns de tipo psicosocial, como as baixas rendas ou a exclusión social, e outros de tipo psicolóxico e incluso xenético. Polo tanto, hai que desbotar a idea de que a depresión é un padecemento do estado do benestar, dun primeiro mundo que non ten problemas reais. A maior pobreza, peor saúde mental.

Debemos deixar de pensar tamén en termos dicotómicos e excluíntes se queremos comprender realmente este trastorno. Nin todo é social nin todo é xenético e bioquímico. Como en case calquera outra enfermidade, os diferentes estratos da realidade combínanse para producir o trastorno. Dito isto, as principais medidas para atallar o aumento dos casos de depresión deberan ser seguramente sociais e non sanitarias, pero chama a atención que, falando da enfermidade que máis saúde fai perder a nivel mundial, os fondos destinados a investigación non sexan nin moito menos xenerosos. Acabamos de ver o que pode facer a investigación cando se financia axeitadamente coas vacinas contra o coronavirus, pero no caso dos trastornos afectivos non acontece isto nin moito menos.  

Anxo Lugilde conta o seu periplo a través de diversos tratamentos con psicofármacos e tamén con psicoterapia, e o seu desexo de poder chegar a prescindir dos medicamentos nun futuro. Tamén fala do seu último tratamento farmacolóxico, aínda en fase experimental, que recibiu en Barcelona. Se a investigación pode mellorar aos millóns de persoas que padecen trastornos depresivos, e incluso atopar unha curación, deberíamos apostar tamén por esta vía, sen descoidar as medidas sociais e o investimento en profesionais da saúde, sobre todo da psicoloxía, que no noso país brillan pola súa ausencia. Son as tres patas nas que se asenta a saúde mental e as tres son igual de importantes: a igualdade social, a asistencia sanitaria e a investigación biomédica.

Comentarios