Opinión

Delirios?

Estes días moitas persoas do meu entorno están a preguntarme, máis ou menos en serio ou máis ou menos de brincadeira, se os manifestantes antimáscaras teñen algún tipo de doenza mental. Entendo a cuestión e entendo tamén que produza risa a situación, pero en parte non deixa de molestarme a continua asociación da extravagancia, a conduta incívica e o trastorno mental. Os meus pacientes veñen todos impecablemente enmascarados, saúdanme co cóbado (algúns deles sei que preferirían a aperta de antes da pandemia) e botan xel hidroalcólico ao chegar.

A conduta irracional non ten por que estar asociada a unha doenza mental, e as actitudes incívicas ou incluso delitivas non teñen por que vir de persoas cun diagnóstico de índole psíquica. De feito, as persoas con trastorno mental son en maior medida vítimas de delitos que a poboación xeral, e en menor proporción perpetradoras. Ademais, as ideas delirantes xeralmente cínguense a un determinado eido e non afectan ao resto da conduta, e non están igualmente presentes en todos os momentos. Os tratamentos farmacolóxicos e a terapia poden modificalas.

Entón, se os negacionistas non son enfermos, por que se comportan así? Ben, a inmensa maioría de crenzas irracionais son defendidas por persoas sen enfermidade mental. As ideas máis ou menos extravagantes de tipo relixioso son un bo exemplo de como xente en principio sa pode asumir como propias ideas absurdas ou claramente imposibles. E neste caso, as crenzas manifestamente absurdas dos negacionistas posiblemente cumpran a mesma función que os dogmas relixiosos: unir un grupo, facer sentir ás persoas que as comparten que son diferentes, especiais, que posúen unha verdade que ninguén máis quere recoñecer. Canto máis extremas e diferenciais son as ideas dun determinado colectivo, máis o separan da sociedade que os arrodea, e polo tanto máis os diferenzan e cohesiona.

Posiblemente, entre os negacionistas, como nos grupos relixiosos, existan líderes que empregan estas ideas para o seu beneficio persoal, sexa económico, de prestixio ou poder, e auténticos “crentes” para quen ese tipo de pensamento acaba por converterse no núcleo da súa personalidade, do que realmente son como individuos. Os ataques dende o exterior pasarán a ser percibidos como agresións ao propio eu, á súa maneira de estar no mundo e de definirse como individuos.

Comentarios