Opinión

De heroes a viláns

Ao principio da pandemia tiven a breve ilusión de que se cadra dunha situación tan extrema podía saír algo positivo: un certo consenso social arredor da necesidade de soster unha sanidade pública de calidade, ben dotada e con suficientes medios. O “aplauso sanitario”, a información médica e científica diaria, parecían augurar unha toma de conciencia nese sentido. Porén, a miraxe foi fugaz, e en canto a crise sanitaria semella remitir, o discurso vira rapidamente cara a outro, moito máis conveniente para as políticas neoliberais. Segundo a nova tese, as que onte eramos as salvadoras agora convertémonos en “privilexiadas”, profesionais infracualificadas e sobrepagadas, un luxo caro e extravagante que ningunha sociedade pode nin debe soster. Nesta dirección apuntan as novas falsas publicadas sobre os salarios de diferentes colectivos, cunhas cifras estratosféricas que son normais noutros países da nosa contorna, pero nunca vistas no noso, e a posterior rectificación, só na web e discretamente. Nesa dirección van os movementos dun sistema que rescinde contratos antes de tempo a profesionais chamados para frear a pandemia, e despois rectifica alegando que “foi un erro”. Nesa dirección apuntan tamén certas opinións vertidas nas redes cuestionando os soldos de profesionais como as auxiliares de enfermería, que desenvolven labores durísimas e padecen enfermidades profesionais con moita frecuencia. Profesionais, ademais, que nesta crise foron ignoradas e maltratadas, a pesar de constituír a primeira liña real contra a enfermidade e quen máis en contacto directo estaba cos doentes. O mesmo pasou co persoal de limpeza, celadores etc... todos eles con soldos inxustificadamente baixos para o risco que asumen.

Pois ben, tras unha etapa de coidadoso silencio, as mesmas voces que sempre defenderon a insostibilidade da sanidade pública (a máis barata e eficiente de Europa, en parte grazas aos baixos salarios), agora poñen o foco directamente sobre os profesionais, os mesmos que hai quince días eran heroes e aos que se aplaudía dende os balcóns. Podo estar equivocada e ver nunha minoría demasiado ruidosa unha tendencia social, pero a non moito tardar sairemos de dúbidas.

Comentarios