Opinión

Curación pola fe (I)

A semana pasada falaba do problema que creo que vamos ter coas enfermidades crónicas e oncolóxicas cando poidamos comezar a mirar máis aló do coronavirus. Hoxe quero falar do que para min supón outro tipo de praga, esta vez ideolóxica: todas as mensaxes que dende o “pensamento positivo” se dirixen ás persoas que padecen un cancro.

Partindo da idea de puro sentido común de que é mellor levar as desgrazas con bo ánimo, desenvolveuse todo un discurso absolutamente perverso dende o que se insta ás doentes a “loitar” contra a enfermidade e a non expresar emocións negativas. Cunha retórica máis propia dunha arenga militar (de aí o de loitar) e repleta de conceptos como “guerra”, “batalla”, “valor”, etc... desvalorízanse sentimentos perfectamente normais e adaptativos nunha situación de enfermidade, como o medo, a angustia ou a rabia. Parece que a actitude válida e correcta ante a enfermidade é a de optimismo inquebrantable e un pouco naïf. 

Nas persoas con enfermidades graves caben moi diversas actitudes, e moitas veces a mesma persoa pasa por varias fases, descritas amplamente na literatura médica. Todas elas, salvo que sexan de duración ou intensidade excesivas, son normais e saudables. O que non é normal é que unha persoa exposta a un risco grave sobre a súa vida experimente unicamente sentimentos positivos. Isto indica unha desconexión coa realidade e coa súa propia situación que é francamente preocupante. Por outra banda, as enfermidades oncolóxicas son procesos longos e complexos, e haberá momentos nos que a doente estea animada e esperanzada e outros nos que predomine o medo, a preocupación ou o sentimento de perda. É cruel e engade sufrimento culpabilizar unha persoa en situación de enfermidade por non ter unha actitude positiva, porque é moi complicado que sexa así durante todo o tempo, e ademais estamos a censurar a expresión de sentimentos normais. Aínda por riba de padecer un cancro, pedímoslle á quen o padece que non se queixe. 

A reviravolta máis dolorosa de todo isto son os gurús que chega a afirmar que esta “actitude positiva” é a responsable da curación da enfermidade. Non os fármacos, ou non só, senón sobre todo a actitude do doente. Como conclusión inevitable séguese que, se non te curas, é porque a túa actitude non está a ser a correcta. Unha vez máis, o nivel de crueldade desta postura roza o inimaxinable.

Comentarios