Opinión

Curación pola fe (2)

Continuando co tema da semana pasada, hoxe quero falar da reviravolta máis sinistra e perigosa desta tendencia sobre os poderes curativos da mente e a actitude. Vemos como dunha idea máis ou menos razoable e intuitiva (unha boa actitude fai que levemos mellor as situacións difíciles) pásase a atribuírlle ao psíquico parte da resolución dunha enfermidade grave, como o cancro. Algo así como que o que cura é o tratamento, pero tamén a mentalidade fai a súa parte. Como vimos, non está nada claro que isto sexa así, nin que sexa boa idea someter ás doentes a tal presión, esixíndolles estar sempre animadas e positivas. Pero aínda hai outro chanzo máis, persoas e organizacións que afirman que os tratamentos non curan en absoluto, e que o que produce os trastornos físicos e, polo tanto, pode curalos é o poder da nosa mente.

Existen, por suposto, doenzas psicosomáticas e síntomas que o estrés pode empeorar. A medicina leva séculos coñecéndoas e estudándoas, pero isto non quere dicir que calquera enfermidade teña a súa orixe nun estado emocional. Pseudociencias como as constelacións familiares, a nova medicina xermánica ou a bioneuroemoción afirman xustamente iso. Para eles, calquera doenza está ocasionada por un conflito psíquico non resolto, sexa un desacordo cun ser querido, un abuso sexual oculto pola familia ou unha morte tráxica. Pode ser do propio individuo, dos seus pais ou, nas vertentes máis desquiciadas, incluso de moitas xeracións atrás, que a persoa “herda” por algún mecanismo descoñecido. Ademais de ser manifestamente falsa e ridícula, esta teoría é sumamente perigosa porque insta ás persoas a abandonar tratamentos médicos que si poden curar ou prolongar e mellorar a vida, e incluso a afastarse dos seus familiares se estes desaproban estas ideas.

Nestes casos extremos choca o dereito dos pacientes a non recibir un tratamento se non o desexan coa sensación de que, posiblemente, as persoas en situacións de risco grave da súa vida poidan ser doadamente manipulables por este tipo de grupos. Ademais, algúns deles compórtanse como auténticas seitas destrutivas, con illamento dos seus membros da súa rede social e fortes achegas económicas das persoas que participan. Para que o dereito a escoller un tratamento sexa efectivo, esta decisión debe ser informada e libre. Ambas condicións están nestes casos gravemente cuestionadas.

Comentarios