Opinión

Cronicidade

O noso sistema de saúde parte dun concepto obsoleto aínda que presente na maior parte das mentalidades: o de que o obxectivo é curar enfermidades. Pero o certo é que a maioría dos problemas de saúde que atendemos son procesos crónicos que podemos aspirar a controlar, paliar e facer compatibles cunha mellor ou peor calidade de vida, pero non a eliminar. E isto é así, en boa parte, polo éxito da medicina científica: aquilo que era agudo, curable e letal a curto prazo converteuse nun padecemento banal sen maior transcendencia na vida das persoas. Ninguén sente xa que unha infección dental ou unha fractura estea poñendo en risco a súa vida de xeito grave e inminente, pero o certo é que así é, e só a omnipresenza da medicina moderna fai que esquezamos este perigo.
O problema que se crea aquí é que o que queda, o que non podemos curar, cronifícase e xera dor, diminución da calidade de vida e discapacidade. E o sistema non está preparado en boa medida para esta situación. Un exemplo claro son as secuelas dos doentes oncolóxicos, que en moitos casos non son tidas en conta polos organismos que xestionan as incapacidades laborais. Unha enfermidade mortal pasa a ser crónica, ás veces cunha importante discapacidade, e non temos flexibilidade para actuar en consecuencia.

Coas consecuencias da Covid está comezando a acontecer algo semellante. Moitas persoas están supostamente "curadas" da infección, pero presentan secuelas meses despois de pasar a fase aguda da enfermidade. A inmensa maioría son imposibles de obxectivar, como cansazo extremo, problemas de memoria ou dores musculares. A investigadora Sonia Villapol, lucense e membro do  Equipo de Investigación Internacional da Covid-19, fala de ata un 60% de pacientes con algún tipo de dificultade neurolóxica unha vez pasada a infección, entre elas problemas de memoria ou de atención. Destes, só unha pequena porcentaxe serán graves ou se volverán crónicos, pero dadas as cifras de individuos afectados, poden supoñer miles de persoas. Cada unha delas precisará un tempo diferente de recuperación, desenvolverá diferentes actividades e terá unha contorna que poida apoiala en maior ou menor medida. Seremos o suficientemente flexibles, imaxinativas e xenerosas para entendelo e palialo ou seguiremos cinguidos ao deficiente tratamento actual da cronicidade?

Comentarios