Opinión

Cremas

No verán é especialmente importante coidar a pel, sobre todo da radiación solar, algo do que xa falei noutra ocasión nesta columna. Tamén tendemos a empregar en maior medida cremas hidratantes, produtos para despois do sol ou autobronceadores. O que moita xente non sabe é que a cosmética ten data de caducidade e hai que telas en conta á hora de empregalas. Esa barra dos beizos que leva nun caixón dende a última voda familiar hai dez anos con toda seguridade debe ir ao lixo. Ademais da perda de propiedades, hai que pensar que a maior parte dos cosméticos son produtos graxos que poñemos en contacto coa nosa pel, habitada por múltiples tipos de bacterias. Se non as desbotamos dentro do tempo que marca o envase, convértense en perfectas placas de Petri caseiras, paraísos onde proliferan xermes que despois nos poñemos na cara, na boca ou nos ollos. En todos os produtos hai un pequeno símbolo representando un bote de crema cun número ao lado, seguido da letra M. É o número de meses que se debe empregar unha vez aberto, e case nunca lle facemos o menor caso. Unha boa estratexia sería escribir con rotulador permanente a data de apertura no exterior, pero de non facelo así, cando menos sería conveniente revisar periodicamente o andel do baño e retirar o que sabemos que leva alí demasiado tempo.

Coas cremas solares é especialmente importante porque podemos crer que estamos perfectamente protexidos cando realmente non é así, co perigo de queimaduras que pode implicar. Ademais, moitas persoas tampouco saben ler de xeito correcto os factores de protección. A maior factor, máis protección, pero que significa isto? Non se refire, como escoitei nalgunha ocasión, ao tempo máximo en minutos no que a fórmula confire protección, o cal non tería sentido se pensamos que existen fotoprotectores de factor 2 ou 8. Protexernos durante dous minutos non supón ningunha avantaxe. En realidade, falamos de factor de protección precisamente porque é un factor, é dicir, un número polo que multiplicamos a protección natural da nosa pel. Se en determinadas condicións a nosa pel tardaría un tempo determinado en queimarse, o produto multiplica este tempo polo factor de protección que se indica. Así ten algo máis de sentido, verdade? Hai que ter en conta, ademais, que cada pel é única e resiste mellor ou peor ao dano solar. Así que feliz verán… e botade crema!

Comentarios