Opinión

Cousas marabillosas

Aínda que foi o 4 de novembro de 1922 cando se descubriu a tumba de Tutankhamon, houbo que agardar ata o 26 deste mes para que Howard Carter puidese romper os selos e pronunciar a famosa frase: "Vexo cousas marabillosas". O que estaba a ver eran centos de obxectos almacenados no que realmente era a antecámara da tumba, e aínda tardaría meses en contemplar o sarcófago coa famosa máscara dourada. Ese día tres persoas entraron na tumba: Carter, o seu mecenas George Herbert, conde de Carnarvon, e a filla deste, Evelyn Herbert, unha moza de 21 anos case sempre esquecida nos relatos sobre a famosa descuberta.

O contributo ao coñecemento deste enterramento foi xigantesco, ademais da pegada que deixou na cultura popular. Posiblemente a famosa máscara atopada no sarcófago sexa un dos fitos da ciencia que calquera pode identificar a primeira vista, xunto coas fotografías da chegada á lúa e a dobre hélice do ADN. Aínda que non pensamos inmediatamente na historia cando falamos de disciplinas científicas, en realidade hai moitas facetas da investigación neste eido que se valen das ferramentas que fornece a ciencia. No caso do faraón neno, empregáronse todo tipo de tecnoloxías ao longo destes cen anos. Grazas ás probas de imaxe, como a tomografía computerizada, foi posible determinar a causa da súa morte aos 18 anos de idade, tras especular durante moito tempo coa hipótese do asasinato. En realidade, o máis probable é que morrese tras unha caída que produciu unha ferida que se infectou, nunha época moi anterior ao tratamento antibiótico. Tamén se puido observar unha malformación nos pés, de causa conxénita, e mesmo que padeceu malaria.

Moito máis tarde, unha nova tecnoloxía permitiu facer estudos aínda máis precisos: a xenética. Foi posible establecer o parentesco con outras momias recuperadas e así trazar toda a xenealoxía do rei adolescente. Sabemos que foi fillo biolóxico de Akhenatón, o faraón herexe, pero non da raíña Nefertiti, tamén moi coñecida grazas ao fermosísimo busto que se atopa en Berlín. Quen si era filla da parella real era a súa esposa, da que polo tanto era medio irmán, algo bastante frecuente na realeza exipcia. Estou segura de que Carter, George e Evelyn Herbert alucinarían coas cousas marabillosas que puidemos ver cen anos despois daquel 26 de novembro de hai cen anos.

Comentarios