Opinión

Coulrofobia

Máscaras, pantallas, peliqueiros e todo tipo de disfraces máis ou menos tradicionais saen por fin ás rúas despois de dous anos co Entroido cancelado. A pasada semana, unha amiga comentábame que o seu fillo, alumno do ensino primario, non quería disfrazarse nin ir á festa de Entroido do seu centro e preguntaba se debía obrigalo. A miña resposta foi que por suposto que non. Hai crianzas ás que lles encanta esta época e outros que o pasan realmente mal, porque o medo ás máscaras, aos pallasos ou a calquera que leve a cara pintada ou tapada é unha fobia bastante habitual. Denomínase coulrofobia e adoita aparecer en idade infantil e tamén nalgunhas persoas adultas. O cine aproveitou unha e outra vez este medo en películas como It e máis recentemente en series como American Horror Story, por mencionar só dous exemplos.

As fobias son medos irracionais ante un estímulo específico, ás veces causadas por unha experiencia negativa previa, pero non necesariamente. As máis frecuentes son pánico ás arañas ou ás serpes, a voar, ás alturas ou aos pallasos. Considérase que aquelas fobias sufridas por moitos individuos teñen unha certa orixe biolóxica, é dicir, que o medo a animais ou situacións perigosas podería mellorar as posibilidades de supervivencia das persoas que as padecen. Isto vese moi claro cando se trata dunha serpe, pero se falamos dun pallaso? 

Neste caso, sería o temor a algo descoñecido ou familiar pero estraño o que estaría presente, dado que estas representacións empregan trazos do rostro humano pero deformados ou esaxerados. É o que se coñece como "o val inquedante": o malestar que nos causa aquilo que nos resulta familiar pero ao mesmo tempo está cambiado ou non é exactamente realista. Isto acontece tamén cos efectos especiais dixitais, que poden ocasionar certa sensación de estrañeza ao aproximarse moito á realidade pero non ser idénticos a esta. O noso cerebro percibe que algo non encaixa e ponse en alerta. Da mesma forma, pode responder ante un disfrace. A coulrofobia adoita desaparecer coa idade, ou polo menos volverse menos intensa, e non precisa tratamento específico. Convén ter en conta que para moitas crianzas estas poden ser unhas datas difíciles e, por moito que exista presión da contorna para que participen das celebracións, non é recomendable obrigalas se non queren ou amosan incomodidade. Á fin e ao cabo, trátase de pasalo ben.

Comentarios