martes 25.02.2020

Coronavirus

E non "coroavirus", como se apresurou a bautizalo algún medio de comunicación cun tradutor automático sufrindo un ataque de creatividade. En realidade, cando falamos de coronavirus non nos estamos a referir a un microorganismo en concreto, e non é un virus chamado "coroa". Trátase dunha extensa familia con membros que causan enfermidades que van dende o arrefriado común ata a síndrome respiratoria aguda, esta última potencialmente grave. As novas que nos chegan de Asia refírense a un virus desta familia que causa a chamada Síndrome respiratoria de Oriente Medio (MERS-CoV), identificado por primeira vez en Arabia Saudí en 2012. Os síntomas son semellantes aos da gripe, con dores musculares (mialxias), mucosidade e espirros, calafríos e febre moderada. Os datos confirmados pola OMS son de 10 falecidos e 12 persoas en estado moi grave en todo o Sueste asiático e China, a día 20 de xaneiro. Tendo en conta que a gripe común causou 6300 mortes na campaña 2018-2019 no só no Estado Español, non semellan unhas cifras moi alarmantes. Moitas veces confúndese a prudencia ou a precaución, principios básicos da planificación sanitaria, especialmente en áreas superpoboadas como estas, co alarmismo do que se nutren as novas sensacionalistas. Aínda asumindo a tese conspiranoica da opacidade comunicativa do goberno chinés (que neste caso pareceu optar máis ben pola absoluta transparencia), se estivésemos a falar de miles de casos en lugar de dez, seguiría sen tratarse dunha alerta sanitaria. Sería, por suposto, un problema de saúde a atallar e controlar, da mesma maneira que é recomendable especial vixilancia para os grupos de risco de gripe, pero non se trataría dunha pandemia nin da inminente fin do mundo.

Os profesionais sanitarios xa vivimos as alarmas innecesarias e excesivas da gripe A e da gripe aviar, que saturaron os servizos sanitarios e crearon medos irracionais e gastos sanitarios descontrolados perfectamente evitables. Neste caso, a OMS foi moito máis cauta e publicou unha serie de recomendacións sensatas e moderadas, que se resumen en lavar ben as mans, esbirrar no cóbado e non manter contacto físico estreito con persoas con síntomas respiratorios. Pouco glamouroso, pero eficaz. Ás veces a prevención sanitaria é así de sinxela.

Coronavirus
comentarios