Opinión

Conxo

O psiquiátrico de Conxo é unha anomalía histórica. O último grande centro psiquiátrico da nosa contorna que continúa a funcionar como tal, a pesar de que a Lei Xeral de Sanidade prevía a progresiva desinstitucionalización das persoas con doenzas mentais. Por desgraza, a cronicidade é unha constante nas enfermidades mentais e en xeral en toda a práctica médica actual, e hai moitas persoas ás que a súa enfermidade lles impide levar vidas plenamente autónomas. 

Estes días a prensa fíxose eco das graves deficiencias que lastran o funcionamento desta instalación, que chegou incluso ata o Parlamento de Galicia tras o informe que realizou a oficina do Defensor do Pobo. Fundamentalmente, o informe sinala o mal estado do edificio onde está localizado o psiquiátrico e a falta de actualización de moitas das dinámicas que se dan alí, por exemplo, a falta de atención a cuestións de xénero e o escaso número de residentes que se benefician de actividades deportivas, de ocio ou ocupacionais. Detrás de todas estas cuestións agáchase a falta de medios materiais. O edificio que alberga o psiquiátrico é suficientemente amplo e nestes momentos non está ocupado en toda a súa capacidade. Aínda así, as persoas que alí residen comparten cuartos de dúas ou tres camas. Ademais, salvo algunhas áreas que foron obxecto de reforma recentemente, as salas nas que se organiza teñen pouca luz, os corredores son estreitos e o aspecto xeral é bastante deprimente, alén das cuestións que van máis aló do estético como pingueiras, óxido, etc. Trátase tamén dunha obra arquitectónica máis que salientable no sentido cultural que está nun estado claro de abandono.

Para paliar as deficiencias da instalación son precisos recursos económicos. Para mellorar o aspecto asistencial son necesarios recursos humanos. Non podemos pretender que persoal escaso, que apenas logra facer o imprescindible e que non ten tempo para actualizar a súa formación, resolva cuestións estruturais que se arrastran dende hai décadas. Por moito que se fale de planos para modernizar ou reformar o psiquiátrico, nada vai cambiar realmente se non hai unha inversión económica. Non é só unha cuestión de modelo. Trátase, sobre todo e principalmente, dunha cuestión de medios humanos e materiais.

Comentarios