Opinión

Conspiranoia

No anterior artigo falabamos das ideas irracionais máis frecuentemente defendidas por persoas nas posicións máis á dereita no espectro político. No noso contexto, as máis comúns son as asociadas ás crenzas católicas, pero estamos a ver un aumento doutro tipo de pensamento irracional novo, e teño para min que máis perigoso: as conspiranoias ultraliberais. A imaxe e semellanza da ultradereita americana, a dereita española, que xa adaptara outras estratexias, como o uso de bots ou a intoxicación informativa, agora parece lanzarse en caída libre aos brazos das ideas irracionais máis extremas. Nas últimas manifestacións non só se protestaba contra as accións levadas a cabo polo goberno, senón que se poñía en dúbida a intencionalidade das mesmas e incluso a existencia mesma do virus. No contexto estadounidense, calquera interferencia estatal é vista como unha agresión por parte dos sectores máis reaccionarios, en especial as medidas tendentes a dotar as clases máis desfavorecidas das mínimas condicións de saúde. No Estado Español, as dereitas non tiñan un corte marcadamente anti-estatalista, posiblemente pola súa íntima ligazón coas estruturas de poder do franquismo e pos-franquismo. Porén, as súas últimas manifestacións adoptan a retórica na que se considera o estado como inimigo e as medidas de confinamento e seguridade como unha limitación intolerable á liberdade individual. Isto non pasaría de ser unha posición insolidaria e moralmente reprobable, pero as dúbidas sobre o número de mortos, as acusacións constantes de mentira e ocultación ou a dúbida sobre a existencia mesma da enfermidade sitúanos xa na órbita das conspiranoias ianquis das que copian modelos. A crenza en ovnis, nun goberno malévolo e por definición ditatorial, na medida na que pagar impostos ou tratar de reducir a contaminación é percibido como imposición ilexítima son as ideas máis estendidas nestas capas sociais. Tamén a crenza nunha organización secreta e ultrapoderosa que controla o mundo. Na dereita española podemos atopar un antecedente na famosa conspiración xudeo-masónica franquista, pero neste caso non posuía o compoñente anti-estado que estamos vendo no momento actual. As formas e a imaxinería de liderado carismático e salvador apoian tamén este tipo de pensamento, que supón unha seria ameaza nunha situación na que a ciencia e o coñecemento deberan ser máis importantes ca nunca.

Comentarios