Opinión

Consignas

Con xa grande parte da poboación vacinada, semella que comezamos a ver a luz ao final do túnel. Sorpréndeme entón escoitar moito en persoas coas que trato, algunha delas con boa formación e capacidade crítica, a mesma afirmación en relación ás vacinas: “as vacinas non inmunizan, só evitan a enfermidade grave”. Non é que todo o mundo se puxese de acordo en dicir a mesma frase, senón que está a ser difundida repetidamente polos medios de comunicación. 

Xa expresei a miña opinión sobre o manexo da información ao longo desta pandemia, ao meu ver totalmente falto de ética e da máis mínima responsabilidade e rigor. Isto non deixa de ser unha mostra máis do mesmo. Como que as vacinas non inmunizan? Non é precisamente esa a súa función, inmunizar? As vacinas expoñen o noso organismo, de xeito controlado, a material propio do virus para que este poida recoñecelo máis doadamente e favorecer a resposta inmune.

Polo tanto, inmunizan. É necesario aínda así manter as medidas de hixiene e non baixar a garda, porque a protección aínda non é suficiente. Hai aínda capas da poboación en proceso de vacinarse, persoas que por motivos de saúde non puideron recibilas e outros moitos casos puntuais. Ademais, a efectividade de ningún tratamento é o 100%, e polo tanto haberá persoas nas que non se desenvolva a resposta axeitada. Este é tamén o motivo de que existan casos nos que se contrae a enfermidade aínda a pesar da pauta completa, xa que debido a grande circulación que aínda mantén o virus segue a ser posible que a pequena porcentaxe de persoas nas que non foi eficaz entren en contacto con el e enfermen. Cantas menos persoas queden sen ela, menos circulará, ata acadar a famosa inmunidade de grupo que protexe tamén ás persoas sen defensas.

Pregúntome se é necesario difundir información manifestamente errónea e confusa para lograr que a xente manteña a prudencia. Poderíase explicar que aínda existe risco porque a eficacia nunca é total, e este irá diminuíndo progresivamente a medida que a vacinación avance. Tamén que o risco non vai ser cero nunca, de ningunha enfermidade, e que o obxectivo é diminuílo por debaixo dun limiar co que poidamos convivir. Repetir consignas falsas, aínda que sexa cun obxectivo beneficioso, só mina aínda máis a confianza dunha poboación que xa está afeita a non entender nada do que está a pasar porque simplemente non se lle explica.

Comentarios