Opinión

Concellos

Este domingo escollemos quen ocupará as alcaldías galegas durante os próximos catro anos e, aínda que aparentemente isto non teña moito que ver coa saúde mental, en realidade os concellos son responsables de diferentes cuestións relacionadas coa asistencia sanitaria. Polo tanto, o noso voto pode modificar para ben ou para mal os recursos que teñamos dispoñibles.

O caso máis evidente é o da asistencia a drogadiccións, que depende en moitos lugares das concellarías. Os trastornos por uso de substancias deriváronse no seu momento a esta rede paralela, fóra dos centros de saúde e dos hospitais. Os convenios para prestar este servizo realizáronse cos concellos ou con asociacións non gobernamentais, nun claro exemplo do que para min é o estigma asociado a estas doenzas, que as sitúa fóra da sanidade pública ordinaria.

Outro tipo de asistencia sanitaria dependente das corporacións municipais é a atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero, na que se presta apoio psicolóxico alén de legal e de traballo social. Neste sentido, xa tivemos o triste exemplo do que podía acontecer, con partidos de extrema dereita que ameazan con solicitar listas de traballadoras públicas destes dispositivos unha vez entran nos gobernos municipais.

Tamén os centros nos que se realiza asistencia afectivo-sexual, chamados, de xeito moi desafortunado, centros de planificación familiar, dependen dos concellos en moitos lugares. Esta rede tamén sufriu numerosos ataques, frontais ou máis sutís, por parte de diferentes gobernos conservadores. No caso dalgunhas cidades galegas, concertouse esta asistencia con asociacións católicas e antiabortistas, que obviamente non desempeñaban o labor para a que estaban a ser requiridas.

As eleccións municipais semellan ás veces uns comicios menores, nos que se toman decisións menos importantes. En realidade, posiblemente sexan as políticas dos concellos as que máis afectan directamente á vida cotiá de todas nós e as que determinan se podemos facer uso ou non de dereitos que temos recoñecidos. Aínda que en materia de saúde mental as competencias son fundamentalmente autonómicas, no tramado burocrático das administracións tamén teñen un peso importante aqueles recursos que prestan outras entidades. A calidade e a dotación destes servizos dependerá moi directamente das políticas que propiciemos co noso voto.

Comentarios