Opinión

Ciencia e xénero

Este luns comeza a III Semana da Ciencia do Instituto Galego de Altas Enerxías (IGFAE), do que xa falei neste espazo a raíz da súa participación en importantes proxectos internacionais. Parte das actividades xirarán arredor dun dos temas que máis preocupan a nivel social: cal é o motivo da fenda de xénero que observamos nas carreiras científicas e que medidas poden ser útiles para eliminala? Vale a pena sinalar que nas profesións biosanitarias, que tamén son carreiras científicas, a fenda é a inversa, cunha porcentaxe de arredor do 80% de mulleres.

As causas deste desbalance responden, ao meu ver, a diversos factores, e non existen solucións únicas ou sinxelas. En primeiro lugar, os estereotipos de xénero aínda fan que as mulleres, nenas e rapazas, dende idades temperás, infravaloren as súas destrezas matemáticas e técnicas. As estatísticas demostran que as cualificacións académicas femininas en todas as áreas, incluídas estas, son mellores que as dos homes.  Tamén é relevante salientar a perspectiva oposta na que os homes parecen fuxir das profesións relacionadas co coidado, como poden ser as biosanitarias. De novo, os estereotipos de xénero fan o seu traballo diferenciador. Por último, aquelas profesións cunha maior esixencia e dedicación en termos de tempo tenden a expulsar ás mulleres, quen aínda cargan coa inmensa maioría do traballo de coidados. Polo tanto, non se trata simplemente dunha cuestión de escolla ou de intereses, senón de todo un conxunto de condicionantes sociais, psicolóxicos e materiais. As mulleres seguen a ser expulsadas fóra do eido da investigación científica e particularmente do das ciencias “puras” para ser confinadas, unha vez máis, no traballo de coidados que os homes non parecen dispostos a asumir.

Se cadra estamos errando o tiro ao poñer o foco na falta de vocacións, e debéramos centrarnos máis nas condicións materiais detrás desta situación. Tamén é importante crear movementos que tendan a balancear o peso dos coidados na nosa sociedade, así como facer atractivas para os homes estas ocupacións dende un punto de vista profesional. Só así se dará ás vocacións científicas das mulleres o espazo e a autonomía para 
desenvolverse libremente.

Comentarios