Opinión

Ciclos e fases

A menstruación e a menopausa son os aspectos das saúde das mulleres máis afectados pola concepción patriarcal da saúde. A pesar de que a metade da poboación pasa por estas etapas, é incrible o nivel de descoñecemento e tabú que aínda as rodea. Dende os anuncios de produtos de hixiene con estraños líquidos azuis ata a necesidade de ocultar que tes a regra como se fose algo vergoñento e sucio ou as ideas erradas sobre que pasa cando os períodos cesan. Non se me ocorre ningún outro aspecto da existencia humana común sobre o que paire tal grao de escurantismo.

As cuestións relacionadas coa menstruación trátanse aínda coa maior das discrecións, a pesar de formar parte do día a día da metade da poboación. Aínda buscamos escusas para rexeitar un plan cando non nos sentimos ben por causa da dismenorrea ou a síndrome premenstrual, en lugar de dicir claramente “non me apetece porque teño a regra”. Non falemos xa de faltar ao traballo ou diminuír dalgún xeito a nosa actividade. Patoloxías como a endometriose comezan a ser algo máis visibles despois de ser sistematicamente ignoradas.

No tocante á menopausa, a tendencia é a entendela como unha condición patolóxica, facendo fincapé nos problemas que pode ocasionar. Vemos publicidade de produtos para a incontinencia con mulleres de mediana idade, de tratamentos para os “calores”... como se fosen síntomas exclusivos das mulleres, e máis especificamente das mulleres nesa fase da vida.  En realidade, o malestar leve forma parte da vida e non significa necesariamente un problema de saúde, como non o é unha dor de cabeza ou de costas ocasional. Así, o malestar orgánico leve que pode acompañar (non sempre) as diferentes fases do ciclo vital das mulleres non equivale a patoloxía. O que si xera patoloxía é o descoido sobre estes aspectos ou a tendencia a pensar que cando unha muller describe síntomas esaxera ou está nerviosa, o que nos leva constantemente a infradiagnosticar enfermidades tratables.

Convídovos a todas a falar abertamente destes temas nos vosos círculos próximos, a non buscar escusas absurdas se tedes a regra e, particularmente aos homes, a escoitar con atención e respecto como se relaciona co seu organismo a metade da especie humana. É un coñecemento fascinante e, aínda que non o creades, moi útil.

Comentarios