Opinión

Chaika

Para todos os que estean louvando a un ultramillonario pola súa proeza, recordar que o 16 de xuño se cumpriron 52 anos da viaxe orbital de Valentina Tereshkova, alias Chaika (Gaivota), a primeira muller cosmonauta da historia. No ano 63 no Estado español as mulleres precisaban de autorización firmada polo seu pai ou marido para viaxar, e nos Estados Unidos cancelouse a parte do programa Mercury, no que participaba Wally Funk, simplemente porque eran mulleres. Todos os homes que integraban este mesmo programa realizaron misións espaciais. Que agora, con 82 anos, Funk poida ser posta en órbita pode ter algo de retribución poética, pero non o fai en calidade de astronauta, como tampouco o é o propio Bezos.

Os motivos do programa espacial soviético para adestrar mulleres non eran só ideolóxicos As mulleres son máis lixeiras, máis pequenas, máis resistentes. Chaika ademais era paracaidista. Valentina tivo que estar 70 horas case inmobilizada na cabina do Vostok 6 practicamente deshidratada, e despois ser exectada da nave, caer en paracaídas e nadar por un lago xeado antes de ser rescatada. Se cadra debéramos pensar se non eran os motivos dos estadounidenses para non adestrar mulleres os que estaban cargados de ideoloxía. Non foi ata 1983 cando permitiron que unha muller viaxase ao espazo, nun momento no que xa era imposible soster o contrario.

Por outra banda, sempre se sinalou a militancia comunista de Tereshkova e a súa posterior carreira política como un xeito de poñer en cuestión a súa idoneidade para o programa espacial. Indirectamente, víñase dicir que se foi seleccionada era pola súa filiación política e que noutro contexto non sería considerada óptima. Isto é certo, sen dúbida, aínda que no contexto estadounidense ningunha muller, fose cal fose a súa ideoloxía, podería optar nesa época a entrar no programa espacial. Por outra banda, Valentina era unha operaria fabril, filla dunha viúva e tivo que traballar dende nena para saír adiante. Certamente, na carreira espacial americana non tiña nada que facer.

Pola miña banda, agardo o día no que non haxa que cumprir todas esas restricións absurdas de medir máis de 1,60 e ser enxeñeira, piloto, paracaidista e nadadora olímpica (para algo ten que servir a tecnoloxía), para poder dicir dende o espazo, como Chaika: "Ola, Mundo!". Pero quero que isto sexa un logro colectivo e non o capricho infantil dun señor rico.

Comentarios